O CDTI e GAIN dan a coñecer as súas liñas de apoio á I+D nunha xornada o 20 de xuño
venres, 31 de maio do 2024
A Axencia Galega de Innovación (GAIN) organiza o vindeiro 20 de xuño, en colaboración co CDTI, unha xornada de presentación das liñas de axuda e actuacións de apoio do organismo estatal á I+D+i. Contarase coa presenza de Esteve Almirall, profesor de ESASE e director do Centro de Innovación das Cidades, que impartirá unha charla sobre innovación na era da Intelixencia Artificial xenerativa. O evento será clausurado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez.
A directora de Gain, Carmen Cotelo, e o director de Programas da UE e Cooperación Territorial de CDTI, Juan Antonio Tébar, darán a benvida a este evento e exporán os resultados da participación galega nos instrumentos do organismo nacional e as principais liñas de traballo para os vindeiros meses.
Pola súa banda, a xefa do Departamento de Promoción Institucional e Cooperación Territorial do CDTI, Mª Pilar González, explicará as liñas de apoio do organismo estatal á I+D+i empresarial.
Por último, Esteve Almirall impartirá unha conferencia sobre innovación na era da IA xenerativa.
A xornada está dirixida a todos os axentes do ecosistema galego de innovación.
As persoas interesadas en acudir poden inscribirse a través da folla habilitada na web de GAIN.
Esta xornada enmárcase na liña de colaboración entre as dúas entidades, que frutificou, entre outras actuacións, no lanzamento da liña de rescate Neotec, destacada como posta en práctica dun novo esquema de gobernanza entre administracións na recente publicación do Ministerio de Ciencia e Innovación sobre ecosistemas rexionais. Este esquema permite que proxectos cunha boa avaliación que demostra a súa calidade, non queden sen financiamento por restricións orzamentarias e poidan desenvolverse grazas á colaboración entre administracións.