O Clúster TIC Galicia organiza unha xornada sobre e comunicación eficaz nun mundo dixitalizado
martes, 20 de xaneiro do 2026
O Clúster TIC Galicia, en colaboración coa European Business Factory (EBF), organiza a xornada Como liderar e comunicar no mundo tech en 2026 o martes 27 de xaneiro, de 10:00 a 12:00 h, no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC (A Coruña). Trátase dun encontro dirixido exclusivamente a socios da entidade que buscan reforzar as súas competencias de liderado nun momento clave como é o inicio de ano.
Segundo informa o Clúster, o comezo dun novo exercicio “adoita vir acompañado pola definición de obxectivos, un reto cada vez maior dado o contexto actual no que vivimos, en constante cambio e marcado por factores como a IA, a transformación constante dos equipos e unha crecente presión polos resultados”. Neste escenario cambiante, engade a agrupación, “unha comunicación eficaz convértese nun dos piares fundamentais do liderado tecnolóxico e nunha ferramenta clave para aliñar persoas, equipos e estratexia”.
Esta xornada está deseñada “para ofrecer unha visión práctica e experiencial sobre como mellorar a calidade das conversas nos equipos tech, poñendo o foco nunha habilidade esencial: a escoita”.
Entre outras cuestións, analizaranse as diferenzas entre a escoita tradicional e a utilizada nos procesos de adestramento profesional (coaching), amosando como este cambio pode ter un impacto significativo na comunicación e no liderado.
A avogada, mediadora e coach internacional Marcela Parga, fundadora de Parga Asociados, será a encargada de dirixir a sesión do 27 de xaneiro, na que se tratarán os seguintes temas: como mellorar os diálogos clave de inicio de ano: obxectivos, foco e compromiso; o reto de liderar equipos tecnolóxicos nun escenario de transformación continua; diferenzas entre a escoita habitual e a escoita propia do adestramento profesional; comunicación e motivación de equipos en contextos de incerteza; conversas difíciles: rendemento, prioridades e responsabilidade; e o impacto da calidade das conversacións nos resultados e no clima dos equipos.
Marcela Parga conta cunha ampla traxectoria en liderado e desenvolvemento organizacional. É trainer para España da International Coaching Community e Coach Executivo certificada. Combina a súa experiencia xurídica co acompañamento a persoas e equipos en procesos de cambio. Docente e conferenciante, ten unha longa experiencia en conciliación, intelixencia emocional e resolución de conflitos, ademais de coautora do libro Coaching de equipos.
