O Obradoiro CAB aposta pola tecnoloxía ADESTRapp de Balidea

venres, 15 de decembro do 2017 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía ADESTRapp, achegada pola firma compostelá Balidea, espállase a ritmo de vertixe. Logo da súa sonora presentación facendo fincapé nas súas vantaxes e finalidades (trátase dun produto para captación, transmisión e análise de vídeo aplicado a contornas de competición, adestramento e arbitraxe), da estrea da páxina web de seu ou de grandes fitos como a súa incorporación aos clubs Deportivo da Coruña e Atlético de Madrid, vén de dar un importante paso (por proximidade, por significado especial) coa súa integración no club de baloncesto Obradoiro. Segundo nos conta Balidea, a entidade deportiva compostelá apostou por esta tecnoloxía para tirar partido das súas posibilidades tácticas e técnicas. Para a tempada en curso xa conta con dúas cámaras “ADESTRapp”, unha para o primeiro equipo e outra para a canteira.
O asistente do Monbus Obradoiro, Dan Petts, valorou positivamente esta ferramenta, “moi interesante para analizar detalles moi concretos durante os partidos ou adestramentos”. Tamén salientou unha das grandes características da tecnoloxía de Balidea: o seu carácter de servizo inmediato. “A través dunha tableta e cun emprazamento privilexiado da cámara, con moita visibilidade, podemos extraer o que necesitemos ao momento”, explicou Dan Petts.
Como lembraremos, o sistema de ADESTRapp grava como adestran ou como compiten os deportistas e permite aos responsábeis dunha equipa analizar as imaxes para a toma de decisións en tempo real. Para Petts a utilidade está máis que demostrada no que se refire ao devandito, especialmente á hora de facer cousas como axudar ao xogador ou ao adestrador a realizar calquera axuste durante o partido. “Nos adestramentos utilizámolo para observar detalles técnicos, por exemplo, como fai un xogador un xesto, para poder corrixilo ao momento mostrándollo”, explica Petts.

PUBLICIDADE