O Pavillón de Batalláns acollerá o vindeiro 16 de novembro a I Feira Festalent
xoves, 2 de novembro do 2023
O
Campus
de Ferrol acolleu este xoves 2 de novembro a presentación da I Feira
de Empresas e Talento Festalent, que terá lugar no Pavillón de
Batallóns e nas instalacións do Campus Industrial o vindeiro xoves 16 de novembro. Será unha cita para achegar a licenciados e
estudantes á realidade empresarial da nosa terra, tendendo pontes
firmes entre un ámbito e outro (pontes de emprego e e de
contratación) e atendendo a diversos sectores, entre eles o
tecnolóxico.
Na
cita participou a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade
Social, María Jesús Movilla Fernández, o tenente de alcalde e
concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Fondos Europeos,
Participación e Atención Cidadá, Organización Interna e
Contratación do Concello de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, e a
directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares
Pernas.
Movilla
Fernández aproveitou a súa intervención para agradecer o apoio do
Concello de Ferrol e da Armada para a posta en marcha desta
iniciativa así como o soporte ofrecido polo resto de empresas e
entidades patrocinadoras como son Gabadi, Grupo JRilo, Detegasa,
Grupo Intaf, El Pulpo, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos
Industriais da Coruña (COETICOR) e a Asociación de Industrias do
Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME). Do mesmo xeito,
resaltou a oportunidade que esta feira lle ofrece ao alumnado
egresado e aos estudantes dos últimos cursos de grao ou de mestrado
do Campus Industrial de Ferrol “permitíndolles amosar todas as
súas potencialidades así como a oportunidade de coñecer máis de
preto a realidade do mercado laboral máis inmediata”.
Tamén
salientou que I Feira de Empresas e Talento Festalent está aberta á
participación do alumnado dos ciclos medios e superiores de
Formación Profesional da Comarca de Ferrolterra.
Tal
e como explicou a directora do Campus Industrial da Universidade da
Coruña, Ana Ares Pernas, no Pavillón de Batallóns situarase a zona
expositiva na que terán cabida máis de 40 postos informativos de
empresas e institucións da Comarca de Ferrolterra e doutros puntos
da xeografía galega. Do mesmo xeito, nunha zona anexa a este espazo,
terán lugar as entrevistas rápidas entre o persoal dos
departamentos de Recursos Humanos ou Captación de Talento e o
alumnado universitario e de ciclos medios e superiores de formación
profesional inscrito na feira. O obxectivo é, segundo a propia Ana
Ares Pernas, “establecer encontros de non máis de 10 minutos de
duración entre o tecido empresarial e as persoas interesadas o que
lles permitirá presentar as súas candidaturas nun tempo récord e
optimizar de xeito significativo os procesos de selección”.
De
xeito paralelo, a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF)
e o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de
Ferrol, acollerán preto de 30 conferencias nas que participaran boa
parte das firmas e institucións que sumaron a esta I Festalent.
Nesta ocasión, tal e como explicou Pernas, “a finalidade non é
outra que darlles voz para que poidan explicar ao público
participante como é o seu día a día, que perfís demandan ou cales
son as oportunidades reais para desenvolver unha carreira profesional
nesa empresa ou institución”.
A
maiores, o programa da feira inclúe unha xornada de orientación e
asesoramento previa, prevista para o xoves 9 de novembro, no Salón
de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, e na que
o persoal do Servizo de Emprego da Universidade da Coruña explicará
con detalle como preparar e mellorar un currículo vitae, como
afrontar unha entrevista de traballo ou mesmo como elaborar unha
presentación de éxito.