O Plan de Teleformación de Política Lingüística achega formación de galego a 1.500 persoas
luns, 27 de abril do 2020
A
Secretaría Xeral de Política Lingüística está a despregar
esforzos para que o confinamento e o Decreto de Alarma non impidan
que prosiga a aprendizaxe do galego. Por este motivo, reforzou e
optimizou o seu Plan de Teleformación para este ano 2020, tanto para
residentes na nosa terra como para persoas que viven noutras
contornas xeografías. Deste
plan abrollan os cursos en liña para o ensino da nosa lingua, unhas
actividades nas que, segundo puidemos saber, xa están a participar
máis de 1.500 persoas, entre alumnado en xeral, funcionariado da
Administración galega e estudantes das escolas de idiomas.
Un
total de 1080 alumnos seguen, ata o 8 de maio e baixo asesoramento de
profesorado específico, un total de 34 cursos preparatorios das
probas de acreditación do Certificado en Lingua Galega (CELGA) en
catro dos seus niveis. Así, desenvólvense desde o 16 de marzo tres
cursos do CELGA 1, oito cursos do CELGA 2, oito cursos do CELGA 3 e
15 cursos do CELGA 4, todos eles, incluso os previstos como formación
presencial, na modalidade de teleformación debido ás circunstancias
motivadas pola crise da COVID-19.
Polo
que se refire ao funcionariado, un total de 300 traballadoras e
traballadores ao servizo da Administración seguiron ata onte 12
cursos de formación en linguaxes específicas do galego, linguaxes
administrativa e xurídica nos seus niveis medio e superior, dos 34
que a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten previsto
desenvolver ao longo deste ano en colaboración con outros
organismos, como a Escola Galega de Administración Pública, ou con
outras administracións.
Os
22 restantes ofrecerán outras 550 prazas destinadas ao persoal das
diferentes administracións territoriais, institucionais e entes
públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma
Galega, así como da administración de xustiza e persoal de
administración e servizos (PAS) das tres universidades galegas, co
obxectivo de mellorar a capacitación en lingua galega dos devanditos
traballadores.
A
actividade das escolas oficiais de idiomas
Esta
oferta formativa compleméntase coa das escolas oficiais de idiomas
das sete grandes cidades galegas, dependentes da Consellería de
Educación, que desenvolven até maio cinco cursos de linguaxe
administrativa galega media e superior, con 125 persoas matriculadas,
logo dos seis que desenvolveron durante o primeiro cuadrimestre deste
curso 2019-2020. Nos devanditos centros tamén se desenvolven
arestora 17 cursos preparatorios das probas de acreditación do
CELGA, dos 34 que ofrecen dentro da súa programación formativa do
ano escolar en curso, no que 225 alumnos preparan o CELGA 2, 225 o
CELGA 3 e 400 o CELGA 4.
Interrompidos
os prazos de inscrición nas probas CELGA 2020
No
caso do CELGA, Política Lingüística lembra que os prazos de
inscrición na convocatoria oficial de probas de acreditación para o
ano 2020 (previstas para os meses de maio e xuño) publicada no
Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega, “atópanse
interrompidos e que os devanditos prazos reiniciaranse unha vez
superado o Estado de Alarma”.
A
Consellería de Cultura e Turismo comunicará polas súas canles
habituais os novos prazos de inscrición e as datas de realización
dos exames no momento no que poidan retomarse “con plena
seguridade”.