O bo uso do GPS na actividade física, polo miúdo nun curso da Fundación USC Deportiva
martes, 18 de febreiro do 2014
A tecnoloxía
GPS (Sistema de Posicionamento Global, Global Positioning
System) é sen lugar a dúbida un dos grandes inventos do noso
tempo. Non só permite saber o emprazamento exacto dun obxecto,
persoa ou vehículo senón que, en base a iso, axuda a evitar que nos
extraviemos, axiliza as buscas que poidamos realizar nun contexto
físico, permite unha máxima eficacia nas emerxencias de calquera
índole e, ademais, abre unha marxe ben ampla para a actividade
lúdica e cultural. Dar conta de todo isto, facendo fincapé nas
aplicacións no plano da actividade física, é
o obxectivo dun curso que se celebra a finais de marzo da man da
Fundación Universidade de Santiago. A intención é axudar aos
participantes a “obter o máximo rendemento do dispositivo”.
Meténdonos no miolo do
curso, sinalar que dará acubillo a unha sesión teórica,
introdutoria, e a partir de aí realizaranse probas de campo e unha
sesión interactiva que servirá para avaliar os resultados obtidos
nas probas exteriores. Trátase dunha iniciativa incluída na área de
formación da Fundación USC Deportiva que impartirá Javier Aradas.
O prezo da actividade é de 38 euros ou 43 euros incluída a comida e
admitirán ata un máximo de 10 persoas e un mínimo de 6.
“Os obxectivos que se
perseguen”, informa a USC, “son a adquisición dos conceptos
básicos para o coñecemento e bo uso do dispositivo GPS, o que
axudará a valorar e interpretar os resultados obtidos mediante as
diferentes alternativas que ofrecen os distintos software e
utilidades”. Os contidos do curso tratarán sobre nocións e
fundamentos básicos, tipos e modelos de receptores, interpretación
dos datos, cartografía, comunicacións, software, probas de campo e
aplicacións. A actividade celebrarase o 29 de marzo na Aula de
Formación da Biblioteca Concepción Arenal cunha carga lectiva de 10
horas. As persoas interesadas en obter máis información poden
dirixirse ao enderezo web www.fundacionuscdeportiva.org
ou http://goo.gl/ub7m0U.