O pontevedrés Adrián Pérez recibirá o Premio Proxecto Fin de Carreira do CPEIG
mércores, 4 de xuño do 2014
O Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia (CPEIG) vén de fallar o Premio Proxecto Fin de
Carreira, que nesta sexta edición da Noite da Enxeñaría en Informática distingue
a Adrián
Pérez Diéguez (Pontevedra, 1990), quen
presentou o proxecto Programación de Algoritmos de Redución nunha GPU.
En palabras
do propio gañador, o traballo premiado responde a que “as tarxetas gráficas
acadaron na actualidade un gran poder computacional, e estanse a utilizar para
facer complexos cálculos científicos a moita máis velocidade ca dun procesador.
Neste proxecto desenvolvemos unha librería matemática, moi utilizada por
exemplo en simulacións de ciencias físicas e bolsistas, obtendo un rendemento
moito maior cás librerías comerciais xa existentes para este tipo de hardware”.
Currículo brillante
Adrián Pérez
estudou o Bacharelato no IES Sánchez Cantón de Pontevedra cunha media de 9.6, e
recibiu premios de Excelencia Académica do propio instituto, da Xunta de
Galicia, do Concello de Pontevedra e unha mención especial da USC. No 2008
entrou na Facultade de Informática da Coruña a estudar Enxeñería Informática,
e cursou o 2011/2012 en Göteborg (Suecia) de Erasmus, nunha universidade
de alto nivel tecnolóxico: a Chalmers University of Technology. Rematou a
carreira no ano 2013 cunha media aproximada de 9, conseguindo Matrícula de
Honra (10) no proxecto fin de carreira.
O proxecto
premiado polo CPEIG foi ademais gañador do segundo premio no 13º Concurso
de Proxectos Tecnolóxicos Expourense para a Euro-Rexión Galicia - Norte de Portugal.
Na actualidade (ano académico 2013-2014), Adrián Pérez está a piques de
rematar o mestrado interuniversitario de Computación de Altas Prestacións
que se imparte entre a USC e a UDC. No ámbito profesional, leva traballando
para o Grupo de Arquitectura de Computadores (GAC) da UDC dende o 2013 onde
investiga sobre tarxetas gráficas e algoritmos paralelos.
O Premio
Proxecto Fin de Carreira está dotado con 1.000 euros. Mediante o galardón, o
ente colexial busca achegarse ao colectivo máis novo de enxeñeiros e defender
as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes de
Enxeñaría en Informática.
Xurado
O xurado que
premiou o traballo de Adrián Pérez estivo formado por Antonio Mosquera,
director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC; Luis Hervella, decano da Facultade de Informática
da UDC; Ana Garriga, directora da Escola
Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo; Juan Otero,
vicepresidente do CPEIG; Juan José González, secretario do mesmo colexio, e
Fernando Suárez, presidente do CPEIG.
O galardoado
recibirá o premio o vindeiro día 13 no Hotel-Monumento San Francisco, en Santiago
de Compostela, na sexta edición da Noite da Enxeñaría en Informática de
Galicia. O evento representa un punto de encontro entre todos os colexiados e
conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e
políticos.