O satélite Celeste IOD-1 da ESA, desenvolvido por GMV e Alén Space, lanzado con éxito desde Nova Zelandia

luns, 30 de marzo do 2026 S. P.

Celeste IOD-1, desenvolvido por GMV e a firma galega Alén Space no marco do programa Celeste In‑Orbit Demonstrator (IOD) da Axencia Espacial Europea (ESA), foi lanzado con éxito este 28 de marzo no complexo de lanzamento 1 de Rocket Lab en Māhia, Nova Zelandia. Os dous satélites (construídos por GMV e Thales Alenia Space, respectivamente) lanzáronse ás 10.14 CET e separáronse do lanzador aproximadamente unha hora despois. Isto marca o inicio da súa fase de operacións iniciais, durante a cal o centro de control da misión prepáraos para a súa vida en órbita.
Celeste é o programa estratéxico da ESA destinado a demostrar as vantaxes dunha capa adicional de navegación en órbita terrestre baixa (LEO) que complemente a Galileo e EGNOS, co obxectivo de mellorar a precisión, a resiliencia e a seguridade dos servizos de posicionamento, navegación e sincronización (PNT) en Europa. O demostrador en órbita (IOD) é a primeira fase do programa e permitirá validar en voo tecnoloxías clave de LEO-PNT antes do seu despregamento operativo no futuro.
A fase Celeste IOD levada a cabo en paralelo por dous consorcios europeos comprenderá un total de once satélites máis un de reserva. Como un dos contratistas principais, GMV é responsable da misión completa de extremo a extremo, incluída a definición e o deseño do sistema, os segmentos espacial e terreo, o segmento de usuario e as operacións, para seis dos satélites demostradores.
Pola súa banda, a viguesa Alén Space fornece as primeiras plataformas CubeSat 12U e participa na fabricación de varios compoñentes das cargas útiles dos satélites que integran a constelación, achegando a súa experiencia en metodoloxías espaciais avanzadas claves para o desenvolvemento da misión.
O programa Celeste comezará con dous satélites demostradores, IOD-1 e IOD-2, para asegurar as asignacións de frecuencia rexistradas e probar sinais de navegación representativas ata finais de ano. A misión demostrará a determinación autónoma e precisa da órbita sen depender de infraestrutura terrestre, así como sinais de radionavegación máis potentes nas bandas L e S desde a órbita terrestre baixa.
Dende Alén Space explican que “ao demostrar as vantaxes de integrar as capacidades LEO nunha arquitectura multiórbita xunto a Galileo (MEO), Celeste pretende mellorar a resiliencia fronte ás interferencias e ampliar os servizos avanzados de navegación. Operando a altitudes de entre 500 e 560 quilómetros, os demostradores de Celeste permitirán avaliar como unha capa LEO complementaria pode mellorar o sistema europeo Galileo en órbita terrestre media”.
Actualmente estanse a desenvolver oito satélites adicionais de maior tamaño que ampliarán as capacidades dos demostradores iniciais. Todos eles formarán parte da frota completa (once naves operativas e unha de reserva) e achandarán o camiño para os lanzamentos posteriores que comezarán en 2027.
GMV foi seleccionada en 2024 pola Axencia Espacial Europea (ESA) para liderar un dos contratos en paralelo para o desenvolvemento de Celeste. O primeiro satélite da constelación, un CubeSat de 12U denominado Celeste IOD-1, foi desenvolvido conxuntamente por GMV e Alén Space. Nos últimos meses, o Celeste IOD-1 foi sometido a un complexo proceso de montaxe e integración, así como a rigorosas probas ambientais e de sistema. Os resultados destes ensaios, levados a cabo nas instalacións de GMV, permitiron demostrar que o satélite estaba listo para o lanzamento, así como para as operacións iniciais en fase LEOP e as actividades de experimentación en órbita.
En decembro de 2025, GMV completou con éxito o fito FRKP (Flight Readiness Key Point), cuxo obxectivo era comprobar se o Celeste IOD-1 estaba pronto para voar. O fito foi supervisado por unha delegación da Axencia que puido verificar na sala limpa das instalacións centrais de GMV que o satélite se atopaba totalmente ensamblado e listo para o seu transporte. Durante a visita, a ESA tivo a oportunidade de inspeccionar o satélite na súa configuración definitiva, así como visitar a sala de operacións e o centro de control da misión Celeste desde o que se operará o satélite unha vez en órbita, evidenciando así que tanto o satélite como toda a infraestrutura de apoio ás operacións están listos para a seguinte fase da misión. Así mesmo, revisáronse os últimos resultados das probas de avaliación das prestacións de navegación deste primeiro satélite, comprobando que cumpren cos obxectivos da misión.
En palabras de Miguel Romay, director xeneral de Sistemas de Navegación por Satélite de GMV, “Celeste marca o inicio dunha nova etapa para a navegación por satélite en Europa. Ao incorporar satélites en órbita baixa, o sistema gaña en precisión, resiliencia e capacidade para responder as necesidades dos usuarios do futuro. O liderado de GMV no demostrador Celeste pon de relevo a capacidade da industria española para desenvolver sistemas completos de navegación, desde o satélite ata o segmento terreo e as operacións”.
Pola súa banda, Guillermo Lamelas, director xeral de Alén Space, destaca así mesmo que “a participación en Celeste supón un fito moi relevante para nós e reflicte a nosa capacidade para contribuír a programas estratéxicos de navegación a nivel europeo. Este proxecto permítenos seguir avanzando no desenvolvemento de plataformas e tecnoloxías clave para pequenos satélites, nun contexto no que a navegación por satélite está a converterse nunha infraestrutura crítica para a sociedade”.