O sinal de TDT cobre xa ao 97% da poboación galega

martes, 19 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

A Secretaría Xeral de Medios, que nos últimos días está a traballar a reo no apagado analóxico de parte da nosa Comunidade para que se leve a cabo sen incidencias e ningunha persoa quede sen recibir o novo sinal de televisión, vén de facer reconto dos veciños e veciñas que xa se están a beneficiar das vantaxes do sinal dixital e os datos son moi alentadores: ata as 19 horas da tarde de onte, cen mil persoas benefícianse do acendido dixital.
Logo dos apagamentos levados a cabo onte, nestes momentos, segundo vén de anunciar esta entidade, “a cobertura da televisión dixital terrestre nas áreas técnicas de Ourense-Leste e Santiago, acada o 98 por cento da poboación”. No caso de toda a comunidade galega, “a porcentaxe de poboación con cobertura de TDT representan ao 97 por cento”.
Asemade, segundo veñen de informar, durante a xornada de onte incrementouse o volume de chamadas dos cidadáns sobre o proceso de implantación da TDT rexistradas a través do 012 ou do número de información da Oficina Técnica da TDT, 981 572 154. As chamadas demandaban, fundamentalmente, información respecto aos municipios onde se van producir os vindeiros apagados e información sobre como resolver posibles dificultades na configuración dos decodificadores ou na sintonización dos equipos.
No tocante a isto, a Xunta informa de que os apagados previstos para hoxe, martes 19 de xaneiro, que están programados para producirse ao longo de toda a mañá son os dos centros de Muxía, Fisterra, Fisterra 2, Corcubión, Cee, Sardiñeiro, Ézaro-Pindo, Lariño e Muros, pertencente á área técnica de Santiago.
A Secretaría Xeral de Medios tamén adianta que os apagados que terán lugar mañá, mércores día 20 de xaneiro, produciranse nos centros emisores de Arteixo, Carballo, Carral, Culleredo, Ponteceso, Traba-Laxe, Zas-Castro, Zas II, pertencentes á área técnica de Ares.
Por outra banda, estexoves, día 21 de xaneiro, terán lugar os apagados analóxicos nos centros de Arzúa, Touro e Val do Dubra, pertencentes á área técnica de Santiago, e de Cedeira, Esmelle, Feas, Mandía, Muras II, San Sadurniño, San Andrés de Teixido, Sta. Mariña de Narahio, Vicedo e Vilasanche, pertencentes á área técnica de Ares.

PUBLICIDADE