O tratado antipirataría ACTA, máis preto de ser rexeitado definitivamente
xoves, 21 de xuño do 2012
- As protestas contra ACTA chegaron ás rúas en Holanda
Primeiro foi a SOPA, despois tocoulle a quenda á PIPA,
e cando todos estabamos a pensar nunha MAZA
ou nalgún outro termo culinario de dúas sílabas, a terceira iniciativa
lexislativa na defensa de intereses corporativos en Internet naceu co nome de
ACTA, pero correu a mesma sorte que as anteriores, e vén
de ser rexeitada pola maioría dos países da UE.
O Comité de Comercio Internacional (INTA) do
Parlamento Europeo votou a favor dunha recomendación para rexeitar este tratado
antipirataría, coñecido como Anti-Counterfeiting
Trade Agreement (ACTA), e foi aprobado en bloque pola maioría dos países da
UE, á espera do visto bo do pleno da Eurocámara.
A Comisión Europea xa tivera que tomar unha decisión
sobre a adopción ou desbote da ACTA a finais de maio, e despois dunhas votacións moi axustadas acabou opoñéndose
por decisión de 3 comités; daquela faltaba o veredicto do INTA, que
anunciaban para o 21 de xuño, e que chegou puntualmente á súa cita,
pronunciándose hoxe mesmo co resultado que vimos de saber.
Malia que algúns medios xa cualifican esta votación
como “un auténtico golpe mortal”, o
certo é que aínda falta a votación do pleno no Parlamento Europeo para saber se
finalmente se rexeita a ACTA. Este celebrarase
previsiblemente o vindeiro 4 de xullo.