Os enxeñeiros galegos en informática pídenlle aos novos reitores un apoio firme á profesión

martes, 25 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

O novo reitor da USC nunha imaxe de Santi Alvite

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de emitir un comunicado de felicitación aos reitores entrantes da Universidade de Santiago (Juan Casares Long) e da Universidade de Vigo (Salustiano Mato). Ámbolos dous rexedores, acabados de elixir tralos comicios nos campus desenvolvidos case de xeito simultáneo, representan para o Colexio galego unha oportunidade para reforzar na nosa terra o apoio amosado cara á profesión informática. Deste xeito, o CPEIG xa procedeu a trasladarlles aos novos reitores demandas encamiñadas a este proceso de colaboración, como a posta en marcha de fichas oficiais para a Enxeñaría en Informática (que os requisitos para a verificación dos títulos universitarios sexan aprobados coma ordes ministeriais de obrigado cumprimento) e de atribucións profesionais propias para as/os enxeñeiras/os en informática “polo ben xeral da sociedade a través da regulación da profesión”.
Asemade, o Colexio solicítalles aos novos reitores o seguinte:
· Tomar parte activa na defensa dos intereses dos enxeñeiros/as en Informática no Consello de Universidades, a Conferencia de Reitores de España (CRUE) e en xeral nos organismos competentes na materia: Ministerio de Educación, Ministerio de Economía e Facenda e Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
· Fomento de campañas de difusión da profesión de Enxeñaría Informática a nivel nacional.
· Expresar publicamente o seu acordo en relación á igualdade da Enxeñaría en Informática con respecto ás demais enxeñarías.
· Manifestar publicamente o seu desacordo coas posturas dos diferentes ministerios sobre a última carta do Defensor del Pueblo referentes á importancia da profesión de enxeñeiro en Informática, en especial no seguinte punto: “La regulación de las profesiones de Ingeniero e Ingeniero Técnico Informático no parece justificada puesto que no se presta de forma directa a consumidores que requieran de una especial protección por estar sujetos a daños graves e irreversibles en su salud o seguridad personal”.
Amais de todo isto, o CPEIG tamén aproveita a ocasión para lembrarlles aos reitores a ocasión de facer recaer en membros do eido profesional que representa o dito Colexio a dirección dos futuros centros de investigación en materia TIC.

PUBLICIDADE