Os responsábeis de Proxéctate en Galego anuncian unha plataforma dixital para dar valor á lingua nas TIC

luns, 29 de outubro do 2012 Redacción

O pasado 26 de outubro -e até o 28 do mesmo mes- daban comezo na Casa do Saber de Lugo unhas xornadas organizadas polas comisións de normalización lingüística dos centros do Campus lucense baixo o nome de Proxéctate en Galego. No encontro quíxose subliñar o potencial do galego como lingua de cara ao emprendemento, á tecnoloxía e á comunicación e informouse da próxima posta en marcha do Espazo USC: Proxéctate en Galego.
Na xornada do venres 26 participou o concelleiro de Medio Ambiente de Allariz (Ourense), Bernardo Varela, baixo o epígrafe Allariz, un caso de creación de emprego e riqueza a partir da valorización do patrimonio. Deseguida desenvolveuse unha mesa redonda sobre emprendemento e lingua galega e o peche do día foi a cargo da actuación musical de Mini e Mero. Pola tarde Diego Vázquez -de Imaxin Software- falou sobre as novas oportunidades no eido tecnolóxico no marco dun mundo globalizado. Logo pasouse a presentar o Espazo USC: Proxéctate en galego, unha plataforma dixital que busca amosar o valor da nosa lingua como idioma vehicular en calquera ámbito profesional e científico e que axiña será accesible desde a páxina web da USC. Engadir que este portal virtual recibiu en 2011 o Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras. Para rematar o día, houbo un debate sobre tecnoloxía e lingua galega, moderado por Antonio Pérez Casas (da Área TIC da USC) e na que participaron representantes dos proxectos A Navalla Suíza, PuntoGAL e CINFO.
A xornada do sábado 27 abríase co relatorio Pescudando nas orixes da materia, a cargo do profesor da USC Cibrán Santamarina, despois era a quenda da mesa redonda centrada na relación entre ciencia e lingua galega coa presenza de Manuel Vicente (director do programa da TVG Efervesciencia), Manuel Díaz (presidente de Igaciencia) e Ánxela Bugallo (profesora da Universidade da Coruña). Esa mesma tarde a profesora da Universidade da Coruña, Charo Portela, daba unha charla arredor da figura de Valentín Paz Andrade, á que lle seguiría unha mesa redonda na que se analizaría a dinámica entre lingua galega e multiculturalismo.
O derradeiro día deste encontro, o domingo 28, pechouse cunha viaxe á Ribeira Sacra lucense para visitar as instalacións da empresa Bodegas Moure (O Saviñao), e que inclúe tamén unha excursión en catamarán polo encoro de Santo Estevo.

PUBLICIDADE