Pablo Pérez, novo director xeral da galega Satdata
martes, 11 de setembro do 2012
A empresa galega Satdata,
da que temos falado
entre outras cousas para dar conta do seu innovador sistema DRM para
a xestión de recursos móbiles, vén de recibir un pulo ao seu
proceso de medre e busca de novos eidos de actividade co nomeamento
de Pablo Pérez como novo director (CEO). Para a firma coruñesa,
especializada sobre todo en desenvolvemento de solucións de control
de flotas, a incorporación de Pablo Pérez constitúe unha aposta
clave polo fortalecemento da I+D no seu seo e a prol dun impulso á
vertente de traballo centrada nos dispositivos móbiles.
Lembrar que o novo CEO da compañía é
un vello compañeiro de Satdata, onde desenvolveu labores de director
de Distribución e Grandes Contas, a engadir a súa estadía en
Martinsa-Fadesa, onde tivo a oportunidade de dirixir, durante catro
anos, a delegación en Rumanía.
En Satdata, agora como máximo
responsábel, substitúe a José Luis Madrid, quen vén de deixar a
empresa galega para dar comezo a un novo proxecto empresarial
persoal.
Pablo Pérez, de 38 anos, é enxeñeiro
industrial na especialidade de Organización de Empresas pola
Universidade de Vigo e executive MBA pola MSM de Maastrich. É
experto en xestión comercial e máis na dirección de proxectos e de
estratexias innovadoras de negocio. “A incorporación de Pérez”,
informa a empresa galega, “coincide co inicio dunha nova
estratexia comercial que a firma con sede na Coruña puxo en marcha,
a comercialización dunha gama de produtos paquetizados con solucións
Plug & Play”. O novo CEO, ademais de asumir a Dirección
Xeral, liderará a estratexia de procura de novos mercados da empresa
e máis “os ambiciosos obxectivos que asumiu xunto co seu equipo
de consultores especializados”.