Platero y Tú convértense na primeira incorporación española a Rock Band

martes, 2 de decembro do 2008 Marcus Fernández

A saga de xogos musicais de Guitar Hero é a que mellor trata aos autores españois, de xeito que no Guitar Hero III se incluía o tema Avalancha de Héroes del Silencio, permitía a descarga do So Payaso de Extremoduro, incluía Escuela de Calor de Radio Futura no Guitar Hero World Tour e no Guitar Hero On Tour: Decades contaba no seu repertorio co tema Estrella Polar de Pereza, mentres que a súa franquicia rival, Rock Band, parecía ignorar aos grupos locais ata que hoxe incorporou á súa tenda de descargas o tema Hay Poco Rock & Roll de Platero y Tú, que no caso da Xbox 360 se vende por só 80 Microsoft Points (96 céntimos), que se pode interpretar tanto dende Rock Band como dende o novo Rock Band 2.
Pero este non sería o único tema que se incorpora á tenda de descargas de Rock Band hoxe, pois tamén se inclúen as cancións Are You Dead Yet de Children of Bodom, Tutto E’ Possible de Finley, Body I Occupy e I Don’t Want to Go to School de Naked Brothers Band, Tempted de Squeeze, Ready, Set, Go de Tokio Hotel e Real World de The All-American Rejects, que se venden por 80 Microsoft Points cada un, podendo tamén descargarse de balde o tema Headphones On de Miranda Cosgrove.


Hay Poco Rock & Roll é o primeiro tema español en Rock Band


A poucas horas da publicación do tema xa hai usuarios que o completan en modo experto

PUBLICIDADE