Publicados en aberto os recursos formativos para acadar a certificación galega de e-competencias en ofimática
luns, 1 de decembro do 2014
Seguimos a falar de
Open Data e de Administración Aberta, cousas que teñen relación
directa coa dispoñibilidade total e coa transparencia. Desta volta,
o
que se vén de liberar e dispoñibilizar son os materiais formativos
para a obtención da Certificación Galega de Competencias Dixitais
en Ofimática, CODIX. Así nolo deu a coñecer a AMTEGA,
responsábel da publicación con licenza aberta destes recursos para
a consecución do dito aval, unha certificación que
acredita que a persoa titular conta coas capacidades, destrezas e
coñecementos en ofimática definidos no Plan formativo ofimático de
Galicia.
Segundo
sinala o organismo que preside Mar Pereira, esta certificación pode
obterse mediante a superación dunha proba
convocada para ese fin pola Axencia para
a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou ben a través
da acreditación de posuír outros títulos equivalentes.
Este programa pode seguirse na modalidade de autoformación a
través do Espazo Multimedia de Aprendizaxe (EMA) da Rede CeMIT co
único requisito de ser usuario rexistrado maior de 16 anos. As cinco
unidades formativas publicadas son: UF0319 - Sistema operativo,
procura da información: internet/intranet e correo electrónico,
UF0320 - Aplicacións informáticas de tratamento de textos:
LibreOffice Writer, UF0321 - Aplicacións informáticas de follas de
cálculo: LibreOffice Calc, UF0322- Aplicacións informáticas de
bases de datos relacionais: LibreOffice Base e, por último, UF0323-
Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de
información: LibreOffice
Como dixemos, seguindo
as boas prácticas recollidas na Guía
de boas prácticas para a publicación de obras documentais da Xunta
de Galicia, os materiais
publícanse con licenza libre e en formatos abertos. Con esta
publicación, engade AMTEGA, búscase incrementar “as posibilidades
de autoformación por parte da cidadanía, e por outro lado promover
e facilitar o reaproveitamento dos materiais por parte de centros
educativos ou formativos que teñan interese en ofrecer formación
para a obtención da certificación galega de competencias dixitais
en ofimática, CODIX”.
Todos os materiais
publícanse coa licenza CC-by-sa, co que calquera persoa é libre de
descargalos, empregalos, distribuílos, modificalos, etc sempre que
recoñeza ao autor orixinal e en caso de que distribúa os materiais
modificados o faga empregando a mesma licenza. Os materiais están
dispoñibles nos seguintes formatos: elp, Scorm, pdf e epub.
Por último, AMTEGA
lembra que tanto os formatos epub como pdf, serven para que calquera
poida descargar e acceder aos contidos sen necesidade de ficar
conectado, pero coa contrapartida de perder as posibilidades de
visualizar vídeos, ou realizar exercicios de autoavaliación, para o
que recomendamos seguir os cursos a través da plataforma EMA da rede
CeMIT.