SOFTTEK afiánzase no mercado europeo de servizos tecnolóxicos dende A Coruña

venres, 24 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

A multinacional mexicana de servizos tecnolóxicos SOFTTEK, que ten no Centro de Entrega da Coruña a súa base de operacións a nivel europeo, vén de nomear a Ricardo Valencia como director xeral para a división da empresa no continente. SOFTTEK, que leva tres anos desenvolvendo o seu labor en España (dende Galiza, principalmente), quere reforzar con este nomeamento a súa presenza en Europa, “ó poñer ó fronte da devandita xeografía a un dos seus socios, con máis de dezasete anos de experiencia na compañía, doce dos cales ocupando postos directivos e desenvolvendo e consolidando novas liñas de negocio en EE UU e América Latina”, segundo apunta SOFTTEK nun comunicado.
Para o seu labor inmediato, Ricardo Valencia contará cun novo grupo de traballo formado por tres directores de desenvolvemento de negocio: Jesús Cristóbal para España, Alberto Ortiz para Europa e Peter Smith para Gran Bretaña.
Dende o dito posto, Valencia encargarase de dirixir o negocio europeo e o Centro de Entrega da Coruña, dende o que se dá servizo a empresas como General Electric, HP ou mesmo a Caixa Galicia.
O Centro conta con cen profesionais. Ademais, cómpre sinalar que SOFTTEK ten establecido alianzas coa empresa galega Softgal, co fin de colaborar en materia de desenvolvemento de software e competir fortemente no mercado europeo.

PUBLICIDADE