Segue aberto o prazo para participar no I Premio Open Data do CPEIG

xoves, 31 de maio do 2012 Raquel Noya

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) lémbralle aos interesados en participar na I edición do Premio Open Data, que o prazo límite para a recepción de candidaturas finaliza o vindeiro 12 de xuño, polo que as persoas que desexen enviar as súas propostas, aínda teñen algúns días para facelo.
O concurso, que foi anunciado no marco das xornadas sobre administración electrónica que celebrou o Colexio a comezos de mes, vai dirixido a fomentar o coñecemento e a potenciar o espírito emprendedor en Galicia, e para iso pretende servir como “estímulo para o desenvolvemento de aplicacións no Open Data”, que en palabras da organización, “aposta por que determinados datos estean dispoñibles de xeito libre para todo o mundo, sen restricións nin de copyright nin de patentes, ou outro mecanismo de control”.
As persoas escollidas para participar no concurso terán que defender os seus proxectos en público o vindeiro 14 de xuño, nunha xornada que se celebrará no edificio Cersia, en Santiago de Compostela.
A contía dos premios ascende a 1.200 euros en metálico, que se reparten en tres partes da seguinte maneira: o proxecto gañador recibirá 600 €; o segundo clasificado 400 € e o terceiro recibirá 200 €.
O Concello de Santiago de Compostela, e as empresas Bahía Software e Hewlett-Packar, patrocinan este evento, no que colabora, asemade, a Axencia para a Modernización de Galicia (AMTEGA).

PUBLICIDADE