Telefónica incorpora o galego en máis de medio cento de móbiles

luns, 2 de xuño do 2008 Raquel Noya

Paseniño (moito máis do que nos gustaría), as operadoras incorpóranse á arela de integrar o galego nas novas tecnoloxías. Fano en parte traballando no desenvolvemento de móbiles con menús na nosa lingua para satisfacción das persoas que, dende hai anos, veñen reclamando a incorporación da mesma aos aparellos e ferramentas tecnolóxicas que empregan no seu día a día.
A compañía galega de telefonía, R, xa presentou no pasado mes de maio, varios modelos de móbiles en galego e agora é Telefónica a firma que se une a esta iniciativa estreando até un medio cento de modelos de móbiles cos menús totalmente en galego.
Segundo as verbas dos seus responsables, “trátase dunha cifra simbólica nun proceso que arrancou hai máis de ano e medio”, cando a compañía comezou a comercializar terminais cos seus menús en galego e que abrangue as marcas máis demandadas polos usuarios.
Ducias de terminais de Nokia, Motorola, Sony Ericsson, Samsung ou LG forman parte xa deste catálogo que ofrece Telefónica con toda a súa información en galego, algúns dos cales ofrecen asemade un dicionario preditivo de grande utilidade para o envío de mensaxes.
O obxectivo estratéxico de Telefónica é conseguir que en 2009 “tódolos fabricantes incorporen menús en galego en tódolos medios comercializados pola súa compañía”, como fai neste momento Alcatel. O grao de cumprimento deste obxectivo dependerá en boa medida do grao de desenvolvemento das plataformas dos fabricantes e das memorias dos móbiles posto que a inclusión de calquera lingua adicional supón incorporar miles de rexistros novos.
Seguindo a liña de actuación de R, Telefónica tamén permite na actualidade que tódolos seus clientes, tanto de telefonía fixa como de móbil, poidan recibir as súas facturas e mesmo a súa publicidade en galego así como ser atendidos nesta lingua polos operadores dos servizos de atención ó cliente.

PUBLICIDADE