Telefónica quere liberdade de tarifas nos lugares onde compite co cable
martes, 4 de setembro do 2007
Julio Linares, director xeral de coordinación do grupo Telefónica reclama á
Comisión do Mercado das Telecomunicacións que discrimine a súa regulación por áreas
xeográficas para as redes de nova xeración, de xeito que piden liberdade
absoluta na fixación de prezos nos mercados nos que xa opera Ono (operadora que
tamén conta con infraestrutura propia).
Dende Telefónica non están de acordo con que a CMT continúe a fixarlles o prezo
máximo que poden cobrar ós seus rivais independentemente de se están en
mercados con competencia alta, escasa ou nula, e quixeran
que as infraestruturas de banda larga gozasen dun tratamento semellante ó que
ten a telefonía móbil, onde os OMV pagan “uns prezos maioristas en virtude de acordos comerciais”.
Linares tamén anunciou a intención da súa compañía de investir 8.000 millóns de
euros este ano para o desenvolvemento de novos servizos e infraestruturas en
todo o mundo, o que serían o 14% dos ingresos anuais da compañía, aínda que
advertiu de que a súa rede de nova xeración non chegará a zonas que non
considere rendibles. As novas redes poderían chegar a velocidades de ata 50
Mbps no caso de accesos mediante telefonía fixa e 7,2 Mbps na móbil.
Durante a intervención que realizou nunhas xornadas da UIMP, Julio Linares
tamén denunciou o desequilibrio do uso da Internet, de xeito que o 20% dos
usuarios xerarían o 80% do tráfico, e chegou a insinuar a posibilidade de
cobrar distintos prezos en relación ó volume de descarga.