Torusware, Premio Cinco Días á acción empresarial máis innovadora ligada á Universidade
mércores, 14 de outubro do 2015
- O equipo de Torus nunha imaxe de Víctor Echave para a Opinión da Coruña
A empresa galega
Torusware, iniciativa xurdida
do Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña
(UDC) e participada pola Fundación Barrié, vén de recibir outro
importante recoñecemento á súa traxectoria e á súa contribución
ao desenvolvemento de ferramentas informáticas máis eficaces,
eficientes e rendíbeis. Trátase
do Premio Cinco Días á acción empresarial máis innovadora ligada
á Universidade. Esta distinción cómpre sumala ás achegadas a
Torus pola
USC, por La
Caixa (Premio Nacional Emprendedor XXI), polo CPEIG
(Premio á Mellor Iniciativa Emprendedora) ou polo
AETG-COETG (Premio Gerardo García Campos), entre outros moitos
recoñecementos.
O xurado dos premios
Cinco Días salientou que Torusware é un proxecto "asentado e
consolidado, con importantes alianzas estratéxicas establecidas e
que, ademais, fomenta un desenvolvemento exportábel". Ademais
da firma galega, nesta edición dos Premios Cinco Días destacáronse
tamén as contribucións de Ferrovial e Sistemas Genómicos. Os
galardóns entregaranse o vindeiro 28 de outubro en CaixaForum Madrid
nun acto no que intervirá Íñigo Fernández Mesa, secretario de
Estado de Economía e Apoio á Empresa.
Orixe e traxectoria de
Torusware
Como lembraremos,
Torusware é unha iniciativa empresarial promovida e participada
polos membros do grupo de investigación Grupo de Arquitectura de
Computadores da UDC, a Universidade da Coruña e a Fundación Barrié,
a través do seu Fondo de Ciencia. Foi posta en marcha en abril 2013
e diríxese, entre outras cousas, a multiplicar as prestacións do
software empresarial, en particular o de bases de datos, plataformas
SaaS, e en xeral “calquera aplicación onde ser máis rápido
represente unha vantaxe competitiva”.
Segundo nos conta
Guillermo López, socio director de Torusware, a firma comezou a súa
andaina en boa medida para dar resposta ás demandas dos usuarios
respecto das ferramentas informáticas, ás que se lles pide un nivel
de eficacia que até o de agora (polas razóns que sexan) non sempre
están en disposición de achegar. Torusware xurdiu para garantir ese
nivel, en beneficio do usuario pero tamén dos responsábeis das
ferramentas, das páxinas web e dos diferentes servizos en liña. En
opinión de Guillermo López, “hoxe en día unha web que nos
permita unha navegación confortable, sen tempos de espera tras cada
clic, transmite unha imaxe de marca moi positiva, con implicacións
directas na conta de resultados dos nosos clientes”. Os sectores
nos que o software de Torus ten aplicacións son moitos e variados,
pero se cadra é nos mercados financeiros onde é máis acaido,
precisamente porque nestes ámbitos a velocidade é un factor básico
de confianza e unha importante vantaxe competitiva. A este respecto,
a firma galega xa traballa arestora con varias das principais
entidades financeiras situadas na City de Londres.
Desde a súa
constitución, a empresa galega foi galardoada en numerosas ocasións
(e con esta van 15) tanto a nivel nacional como internacional. Dende
Torusware salientan que “é a única empresa española até a data
en participar na aceleradora FinTech Innovation Lab London (2015)”.
Ademais, foi seleccionada pola Comisión Europea como unha das 20
compañías TIC con maior potencial de Europa en 2014. Entre os
galardóns internacionais destacar os do goberno británico (UKTI
Tech Competition), e do israelí (Start-up Tel Aviv Competition).