Un centenar de persoas participarán na UVigo nos obradoiros sobre Matlab
mércores, 14 de novembro do 2018
Até
cen persoas van participar, até o 30 de novembro, nos obradoiros da
Universidade de Vigo sobre o programa Matlab e a súa versión
R2018b, un software enxeñeiro e científico dispoñíbel de balde
para estudantes, docentes e investigadores da UVigo. Os
obradoiros están a ser organizados por Matlab & Simulink, grupo
de traballo que se ocupa de organizar eventos de Matlab nos campus
vigueses. O obxectivo destes talleres é ensinar o procesamento e
análise das imaxes en vivo a través da placa computadora Raspberry
Pi.
Co
apoio de MathWorks, empresa que desenvolve Matlab, organizáronse
catro obradoiros para os días 23, 27, 29 e 30 de novembro. Segundo
explica a UVigo, a alta demanda fixo que se cubrisen as prazas en
menos de 24 horas dende que se abriu o período de inscrición, polo
que a organización ampliou programa e organizou unha quinta sesión,
engadindo desta maneira 20 prazas máis. Polo tanto, serán un total
de 100 as persoas as poderán participar nunha das cinco sesións do
workshop da Raspberry
Pi, que mostrará ao alumnado como manexar un dispositivo
empregado a escala global para a posta en marcha de solucións
industriais de moi variada natureza e utilidades.
Os
obradoiros desenvolverase nas dúas sedes da Escola de Enxeñería
Industrial, cidade e campus, en horarios e días diferentes para
“facilitar a asistencia”, explican dende Matlab & Simulink.
As actividades realizarase ao longo do mes de novembro en xornadas
únicas de catro horas.
As
accións formativas están destinadas a toda a comunidade
universitaria viguesa, dende alumnado ata profesorado e teñen
carácter gratuíto. Estes workshops enmárcanse dentro do
conxunto de actividades que organiza o grupo de traballo da
Universidade de Vigo Matlab & Simulink. Ao longo deste primeiro
cuadrimestre puxéronse en marcha diferentes eventos coma o curso
inicial de Matlab de nivel básico (Matlab Onramap), unha práctica
00 sobre Matlab de cara a preparar ao alumnado de segundo curso da
materia de Automática e Control Industrial da Escola de Enxeñería
Industrial e un evento coa colaboración de profesorado da propia
escola sobre termografía aplicada a Matlab.