Un xornada de traballo profundará no proxecto CloudPYME
mércores, 14 de outubro do 2015
O proxecto CloudPYME (desenvolvido polo Centro de
Supercomputación de Galicia co impulso da Consellería de Economía, Emprego e
Industria, o centro tecnolóxico galego AIMEN e os portugueses AIMMAP e CATIM)
ten posto ao dispor das pequenas e medianas empresas de Galicia e Norte de
Portugal modelos meteorolóxicos deseñados a medida para cada porto, traballos
de secuenciación do xenoma humano ou software elaborado para o sector do
mercado de capitais. Proxectos deste tipo benefícianse da grande capacidade de
cálculo do CESGA, que permite completar en prazos reducidos tarefas nas
que se multiplicaría varias veces o tempo de procesamento de datos se houbera
que realizalas con ordenadores convencionais.
Mañá xoves, máis dunha
ducia das empresas participantes explicarán a partir das 10:00 horas as súas
liñas de traballo no compostelán Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia
(CNTG), nunha xornada que abrirán , a directora da Área de Centros da Axencia
Galega de Innovación, Sonia Pazos Álvarez e o director do CESGA, Javier García
Tobío.
Hai que salientar que seis das firmas asistentes á xornada de traballo xorden
de proxectos de investigación desenvolvidos nas universidades de Santiago, A
Coruña e Vigo para explotar empresarialmente os resultados obtidos. O
desenvolvemento de software especializado para distintos sectores, a
secuenciación de xenoma humano para realizar diagnósticos médicos, a
consultoría en enxeñaría ou a gravación en formatos audiovisuais de contidos
educativos son algúns dos ámbitos nos que operan.
A segunda parte da xornada, tras as presentacións das empresas, consistirá
nunha sesión de traballo na que representantes das propias compañías debaterán
sobre as súas necesidades futuras nos ámbitos da computación de altas
prestacións (HPC) e da análise de grandes volumes de datos (Big Data), que
serán clave para estas e outras firmas innovadoras poidan ser competitivas nun
mercado global.