Xa podemos inscribirnos para participar no congreso María Pita DefCon
martes, 10 de xaneiro do 2017
A
Facultade de
Informática da Coruña acubillará a partir do 6 de marzo o congreso
María Pita DefCon, unha cita sobre seguridade informática que
se dirixe a xuntar na FIC, na Facultade de Informática da Coruña,
máis de medio de expertos en protección de sistemas e coñecemento.
Esta vertente security complementarase en María Pita DefCon
con outro piar temático fundamental: a cuestión da fenda dixital de
xénero, facendo fincapé en destacar o papel das mulleres no emprego
e na construción das novas tecnoloxías da información. Segundo nos
veñen de contar os organizadores, o evento vén de abrir os seus
rexistros para participarmos como colaboradores,
voluntarios
e relatores.
En relación a isto último, poderemos concorrer con charlas,
obradoiros, mesas redondas ou concurso. O requirimento é que a nosa
achega trate sobre seguridade ou sobre o reto de visualizar as
mulleres nas TIC. O proceso de inscricións ficará aberto dende hoxe
até o 6 de febreiro.
Segundo
engaden os organizadores, as candidaturas iranse avaliando tan axiña
como vaian chegando, e aprobaranse sen necesidade de agardar até o
derradeiro día.
Detrás
deste evento, na organización, atópase un grupo de seareiros do
hacking ético: David Albela, Uxío Fuentefría Oróns, Juan
José González Cid, Raúl Oróns, Alejo Pacín Jul, Jesús Pérez
Rubio, Raúl Fernando Rodríguez Rubio, Daniel Somoza, Fernando
Suárez Lorenzo, José Manuel Vázquez Naya e María Pilar Vila
Avendaño.
As/os
impulsoras/es da xuntanza contarán co apoio da Facultade de
Informática da Universidade da Coruña, así como de múltiples
entidades (públicas e privadas) do mundo TIC. A cita desenvolverase
entre o 6 e o 12 de marzo de 2017. O obxectivo, en palabras dos seus
responsábeis, é dar forma ao “evento máis importante a nivel
galego sobre seguridade informática e reivindicación da muller no
plano tecnolóxico”. O programa artellarase nun cumprido feixe de
charlas, mesas redondas, obradoiros e concursos ao longo de toda unha
semana.
A
orixe de María Pita DefCon, segundo nos contaron hai unhas semanas
os organizadores, está na necesidade de seguir debatendo e
intercambio coñecemento avanzado sobre xeitos de garantir as
mellores condicións para os datos e as comunicacións no dixital.