atlanTTic, Optare e MasOrange optimizan a xestión de situacións de emerxencia
mércores, 26 de xuño do 2024
O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, da Universidade de Vigo e as firmas Optare Solutions e MasOrange, resultante da fusión de Orange e MásMovil, levaron a cabo este martes 25 de xuño, no Campus de Vigo, unha experiencia piloto dirixida a probar a combinación das tecnoloxías 5G, Edge Computing e Intelixencia Artificial na xestión de situacións de emerxencia e na busca de persoas desaparecidas.
A proba piloto, na que participou a unidade especialista en drons da policía local de Vigo, Unidade Fénix, levouse a cabo cun dron dotado con cámaras de vixilancia para a captura de vídeo en tempo real e nunha contorna Edge con métodos avanzados de procesamento de vídeo mediante IA. Foi no estacionamento da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e empregando cartuchos de fume para simular un incendio.
Previamente á demostración do sistema tivo lugar nunha das salas da EET unha pequena presentación na que Xosé Ramón Sousa, responsábel de Innovación de Optare Solutions, explicou os detalles da posta en marcha deste novo sistema, así como as súas principais vantaxes fronte a outros métodos nos que non se dá a combinación de todas estas tecnoloxías.
Sousa fixo fincapé en que “neste proxecto únese a calidade e capacidade da rede móbil 5G de MasOrange, o maior operador de telecomunicacións en España por número de clientes; a ampla experiencia de Optare Solutions como integrador e habilitador de servizos sobre infraestruturas e capacidades dixitais no sector das telecomunicacións, e a solución edgeContinuum, plataforma de Edge Computing desenvolta polo Grupo de Tecnoloxías de Información de atlanTTic co apoio do programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación”.
Sousa explicou que “partimos dun contexto no que os despregues que se acostuman facer para xestionar os incendios teñen un alto custe, sobre todo aqueles asociados á masa forestal, que son os que se propagan con maior virulencia e provocan maiores problemas”. O investigador tamén fixo referencia á habitual falla de subministro eléctrico que traen consigo os incendios, así como a outros inconvenientes como os relacionados coa orografía e coas altas posibilidades de que moitos recursos sexan destruídos polo propio lume.
Grazas á alta velocidade e ultrabaixa latencia da rede 5G+ de MasOrange, o dron é capaz de transmitir o vídeo capturado na área na que se detecta unha urxencia en tempo real na plataforma edgeContinuum para o seu procesamento. Nesta plataforma analízanse as imaxes mediante a aplicación desenvolvida por Optare Solutions, utilizando un modelo avanzado de IA que permite detectar, por exemplo, os posíbeis incendios forestais. Cos resultados da súa execución, xéranse tamén alertas, permitindo unha resposta rápida e precisa ante as urxencias.
Os participantes nesta proba pretenden, desta maneira, “marcar unha revolución na resposta ante unha situación de emerxencia”. No caso dos incendios forestais, o sistema de drons facilita o labor dos servizos de extinción, ofrecendo vídeo en directo para que os corpos de seguridade examinen a zona do incendio contextualizada e avalíen se é segura antes de acceder á mesma. Así mesmo, na procura de persoas desaparecidas, o procesamento das áreas xeográficas realizadas polo dron coa IA permite determinar con gran seguridade a presenza de persoas na zona da busca.