A Deputación de Lugo facilitará a contratación de acceso á Rede vía satélite nas zonas de sombra da súa provincia

venres, 28 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Xunta de Goberno da Deputación de Lugo

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo resolveu hoxe o procedemento de selección da entidade que colaborará coa execución do programa Satelíz@te, que pretende levar a Internet a núcleos rurais lugueses sen cobertura. Este iniciativa empréndese para intentar paliar a situación da provincia de Lugo, que segundo datos da AMTEGA, é a que ten maior número de zonas de sombra da nosa comunidade, con 39 concellos sen cobertura de calidade á Rede.
Este plan achegará acceso á Rede a través de satélite a 800 veciños, asociacións sen ánimo de lucro, autónomos e PEME da provincia que residan nas mencionadas zonas de sombra, para o que realizarán un investimento de 385.000 euros procedentes de fondos europeos.
A empresa adxudicataria ofrecerá asesoramento personalizado aos interesados nesta programación e, posteriormente, dotará e instalará o equipamento necesario para acceder á Rede, desenvolvendo todos as xestións administrativas para a tramitación das solicitudes, o que supón un aforro de tempo e cartos para os cidadáns. Na vindeira quincena abrirase o prazo de inscrición para poder beneficiarse deste programa, para resolverse o proceso de selección de beneficiados no mes de setembro, cando iniciarase a súa execución.
A Deputación farase cargo dos custos de instalación da tecnoloxía de satélite que achega conexións á Rede de entre 2 e 12 Mbps, tendo que asumir os cidadáns posteriormente o mantemento do servizo, para o que esperan acadar condicións vantaxosas por negociarse a contratación para 800 usuarios.

PUBLICIDADE