A Deputación de Pontevedra lanza web para espallar a compostaxe entre a cidadanía
venres, 28 de setembro do 2018
A
Deputación de Pontevedra quere impulsar a práctica da compostaxe
entre a cidadanía: a recuperación útil, para a actividade
agrícola, dos refugallos orgánicos. Con este motivo, a través do
Plan Revitaliza vénse de pór en marcha unha web que busca, entre
outras cousas, achegar as ditas prácticas de sustentabilidade
ambiental á veciñanza polo vieiro dixital. A
iniciativa foi dada a coñecer polo vicepresidente da Deputación,
César Mosquera, quen salientou que a páxina é un complemento
do importante labor desenvolvido polo persoal técnico provincial, as
mestras e os mestres composteiros, as asociacións e os concellos
adheridos ao dito plan.
Un
labor que se materializa no fornecemento de información, vídeos e
documentación sobre que é a compostaxe, as súas vantaxes, ou a
maneira de participar para a cidadanía, entre outras cuestións.
O
vicepresidente Mosquera destacou tamén que entre finais deste ano e
principios do 2019, unha vez se despreguen os composteiros
comunitarios e individuais da Deputación e dos concellos Revitaliza
(Vilaboa, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, O Grove e
Pontevedra) a cifra de veciñas e veciños que compostan na provincia
ascenderá a 85.000 persoas: 25.000 por vía individual e 60.000 en
composteiros comunitarios.
Respecto
da nova web, indicou que terá dous posíbeis accesos directos
www.revitaliza.depo.gal
e www.revitaliza.gal, amais
de ligar coa páxina web oficial da Deputación www.depo.gal.
Respecto dos detalles técnicos e de usabilidade, sinalou que a web
foi desenvolvida nunha plataforma de última xeración (Liferay) que
permite “manexar moita documentación artellada en bloques nun
sistema innovador de acordeón que facilita a comprensión da
información polas persoas usuarias”.
No
que atinxe aos contidos, indicou que “as persoas que entren na
páxina poderán saber máis sobre compostaxe; sobre o compost (que
é, as propiedades, os usos, e a calidade do produto obtido no Plan
Revitaliza); sobre o persoal técnico, as mestras e mestres
composteiros, a Facultade da Compostaxe, así como sobre as
convocatorias para ser bolseiro, interino ou obter unha praza nos
concellos Revitaliza), entre outras cuestións.
Tamén
hai información sobre os concellos Revitaliza, cun mapa, sobre as
fases de implantación do plan, así como das diferentes liñas de
subvencións abertas. A isto cómpre engadir un apartado específico
sobre o Revitaliza nos centros de ensino, con documentación do
traballo do Centro de Investigación e Divulgación Ambiental de
Galicia (CEIDA) nos últimos dous cursos. Por outra banda, a páxina
achega un apartado de novas, onde se irán pendurando as novidades
informativas; unha axenda na que se dá conta das actividades,
charlas formativas e repartos de compost ou de composteiros; así
como banners nos que cada pouco iranse destacando aspectos
salientábeis do Plan.