A Proa (Ames) acollerá un laboratorio de proxectos innovadores audiovisuais
martes, 13 de decembro do 2022
O
alcalde de Ames, Blas García, e mailo presidente da Deputación da
Coruña, Valentín González Formoso, asinaron este luns 12 de
decembro un convenio de colaboración para impulsar o puxante sector
audiovisual do concello. En
concreto, crearán o Ames AudioVisual LAB, un laboratorio de
aceleración de proxectos audiovisuais que busca fortalecer a
produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o tecido
audiovisual do concello. A Deputación achegará a este proxecto
160.000 euros, o 80% do orzamento total, mentres que o Concello
aportará, o 20% restante. En total, 200.000 euros. O lab terá
a súa sede no centro de traballo colaborativo A Proa.
O
programa propón “unha oferta eminentemente práctica” e conta
coa colaboración de empresas como Ficción Producións, Cinemar
Films, Zenit Tv, Setemedia, Alfonsín DIgital Lab ou a Axencia Galega
das Industrias Culturais (AGADIC). Segundo salientaron García e
González, ponse en marcha “cunha visión internacional en
distintos ámbitos, desde a definición de estratexias de
distribución e internacionalización adaptadas aos proxectos, ao
establecemento dunha rede de contactos e colaboración con festivais,
foros internacionais e organismos que contribúan a impulsar a súa
produción”.
O
laboratorio de proxectos beneficiarase de experiencias previas e
complementarias. Así o explicou o rexedor: “Imos niciar un
traxecto moi importante de aposta polo audiovisual e pola formación
de persoas neste ámbito, somos un concello que aposta polo
audiovisual e que ten importantes empresas do sector afincadas no
municipio, no Parque Empresarial do Milladoiro, onde ademais temos o
coworking A Proa, financiado e impulsado pola Deputación da
Coruña, que está enfocado ao audiovisual e ao sector tecnolóxico e
que nos vai a servir para, conxuntamente coas empresas tanto do
concello como de fóra, achegarlle a información que necesitarán os
proxectos”.
O
presidente da Deputación explicou que o Ames AV LAB parte “dunha
aposta moi forte por parte do Concello para dar soporte, apoio e
acompañamento aos proxectos audiovisuais, desde que nacen ata que se
expanden, a través de sistemas de formación, de bolsas ou de
promoción nacional e internacional” e lembrou a importancia do
sector audiovisual, que crea en Galicia “máis de 4.000 postos de
traballo e aglutina a máis de 700 empresas”, o 75% delas na
provincia coruñesa.
Formoso
tamén salientou que este proxecto “encaixa perfectamente co que
impulsamos desde a Deputación da Coruña para crear, cun
investimento de 6,7 millóns de euros, un dos maiores estudos
virtuais de produción audiovisual de España, que estará localizado
na Cidade das TIC, pero que vai dar soporte técnico a ese gran
ecosistema de creatividade que radica en Santiago, A Coruña e Ames,
principalmente, e que para nós é unha aposta de futuro clara”.
O
Ames AV LAB, que estará situado no Milladoiro nas instalacións de A
Proa da rede provincial de espazos de traballo colaborativo, dará
soporte a un total de 15 proxectos, que serán seleccionados a través
dunha convocatoria que se publicará proximamente.
Os
criterios de valoración da selección terán en consideración
buscar a promoción de proxectos diversos e inclusivos. Do mesmo
xeito, priorizarase a incorporación daqueles que teñan o idioma
galego como lingua vehicular e estableceranse mecanismos que garantan
unha representatividade equilibrada de xénero e para a incorporación
de persoas mozas menores de 30 anos ao sector.
Os
destinatarios do proxecto son novos creadores do sector con proxectos
non iniciados, en fase de creación ou desenvolvemento, que non teñan
data de inicio de rodaxe prevista. Poderán participar
“curtametraxes, longametraxes, series, documentais de creación ou
participativos, narrativas inmersivas e de Realidade Virtual e outros
contidos audiovisuais e de carácter dixital fundamentalmente
narrativos, primando o alcance local e provincial”.
Ademais,
os participantes poderán optar a unha convocatoria de bolsas que
conta con 70.000 euros de orzamento, seleccionando sete proxectos que
poderán recibir unha axuda de ata 10.000 euros que deberán
destinarse á creación e desenvolvemento da súa proposta.