A USC presenta un curso para estender o uso das novas tecnoloxías no noso agro

xoves, 22 de maio do 2014 Redacción

Villada, Bueno, Carreira e Vázquez, na presentación do curso na Escola Politécnica Superior

A Universidade de Santiago presentou este mércores un curso de verán encamiñado a introducir innovación tecnolóxica onde, polos motivos que sexan (o peso da tradición, a falta de infraestruturas axeitadas e de compromiso tecnolóxico por parte de administracións e empresas), a innovación tecnolóxica non chegou aínda de xeito xeral e uniforme. Falamos do ámbito das nosas explotacións agrogandeiras. O curso desenvolverase do 14 ao 19 de xullo na Casa da Cultura do concello da Pastoriza. Contará coa presenza de 20 relatores, pertencentes sobre todo ao eido universitario e investigador.
Os temas a tratar serán as novas tecnoloxías e o seu potencial de aplicación na actividade do noso agro, os sistemas de guiado de máquinas vía satélite, a xestión informatizada de parques de maquinaria, a robótica e as técnicas e sistemas innovadores no muxido de vacún de leite. Tamén se abordarán cuestións como as vantaxes dos dispositivos sensoriais para a análise de calidade en colleitadoras de forraxe. O seminario, abeirado na oferta de cursos da Universidade de Verán 2014, vén da man de Javier Bueno Lema, quen fixo saber durante a súa presentación que os seus obxectivos son ante todo “modernizar a imaxe tradicional asociada de sempre ao sector agrongadeiro, malia a constante incorporación de tecnoloxías de última xeración”. Asemade, tamén se pretende divulgar entre estudantes e profesionais as innovacións tecnolóxicas máis novas “que xa se están a aplicar nun sector dinámico e que pode presentar múltiples e atractivas oportunidades no horizonte laboral”, sinalou.
O director do curso, que inclúe sesións prácticas e demostracións, ademais de visitas a tres explotacións da Pastoriza na mañá do 20 de xullo, salientou tamén “a necesidade de formación superior en Enxeñaría Agronómica para poder aconsellar ás explotacións agrarias na incorporación das innovacións tecnolóxicas, formación na que a Escola Politécnica Superior de Lugo é un referente en Galicia”.
No acto de presentación tamén participaron a tenente de alcalde de A Pastoriza, Elba Carreira, o tamén edil pastoricense Eloi Villada e o presidente de Agamac, Marcos Vázquez Marey. O prazo de matrícula deste curso de verán da USC, que conta con cofinanciamento do Concello de A Pastoriza e das empresas John Deere Ibérica S.A. e Durán Maquinaria Agrícola S.L. permanecerá aberto ata o vindeiro 4 de xullo na páxina web da Universidade de Santiago. Asemade, as persoas interesadas tamén poden consultar ampla información sobre o programa deste curso, que será recoñecido por dos créditos ECTS para os estudantes da USC, na páxina web www.explotacionsgandeiras.com.

PUBLICIDADE