A Xunta destina 2,5 millóns de euros a dous centros dixitais destinado a mellorar a competividade das pemes
luns, 3 de xuño do 2024
A Xunta presentou este luns 3 de xuño os detalles do programa de Centros Dixitais, impulsado polo IGAPE (Consellería de Economía,) que suma 2,5 millóns de euros para o impulso de dúas iniciativas que contribuirán á mellora da dixitalización do tecido empresarial e a modernizar a industria galega a través de novos proxectos de creación deste tipo de infraestruturas.
O obxectivo é “facilitar, tanto a nivel empresarial como local, a mellora da dixitalización dos procesos empresariais, a contorna das empresas e os consumidores, así como modernizar e desenvolver a base industrial”. Búscase, deste xeito, aproximar ao tecido produtivo a dotacións dixitais e servizos avanzados a prezos competitivos e con prazos axustados ás súas necesidades.
Os dous proxectos apoiados permitirán a activación do primeiro punto neutro de conectividade en Galicia, capaz de promover a xestión autónoma do tráfico de Internet para mellorar a latencia de navegación, “o que impulsará a transformación dixital entre as empresas galegas, especialmente no ámbito rural, sectores emerxentes e pemes; e, doutro, dun centro de produción que permite gobernar, de xeito remoto, producións audiovisuais empregando á tecnoloxía máis avanzada”, informou a Consellería de Economía, engadindo que estas actuacións están co-financiadas pola Unión Europea a través do Programa de Fondos de Transición Xusta.
Así mesmo, o programa dá continuidade a outro tipo de actuacións deste estilo, como os Centros de Fabricación Avanzada, que están a impulsar sete proxectos que suman máis de 18,6 millóns de euros en apoios e que están a permitir promover iniciativas en sectores industriais diversos, como as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), o biotecnolóxico, o turismo, o agroalimentario ou a saúde e deporte.