A Deputación de Lugo adxudica por 600.000€ novas ferramentas para os concellos de Impulsa TIC

venres, 7 de xuño do 2024 S. P.

O Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres 7 de xuño a adxudicación, por un importe de 606.526,77€, dos últimos lotes do contrato para o subministro de equipamentos e servizos tecnolóxicos que a institución provincial lles proporcionará de maneira gratuíta ós 52 concellos da provincia que decidiron adherirse ó programa Impulsa TIC.
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, sinalou que desta forma, a Deputación xa ten adxudicado a totalidade do investimento de 4,5M€ co que está dotada esta iniciativa “que puxemos en marcha cos fondos que captamos da Unión Europea co obxectivo de colaborar cos concellos da provincia para avanzar na súa transformación dixital e ofrecer un mellor servizo público ós veciños e veciñas”.
Explicou, máis polo miúdo, que quedou adxudicado o lote 1, dedicado ás ferramentas de accesibilidade sobre a web municipal, á empresa Everycode SL por un importe de 110.445€; o lote 2, que ten que ver cun chatbot integrado na web dos concellos, á empresa Telefónica de España por un importe de 393.231,77€; e o lote 3, de medidas para mellorar a transparencia financeira, queda adxudicado á empresa Dynamic Opengov Technologies SL por un importe de 102.850€.
García Porto lembrou que o Impulsa TIC componse de 6 contratos, “dos que temos a metade en execución”. Engadiu que “entre outras cuestións, xa estamos realizando as auditorías nos 52 concellos adheridos; e implantando os servizos de integración de aplicacións nos concellos como o Conector Padrón -que lle permite ós cidadáns sacar certificados desde a súa sede electrónica- ou o Conector Face -que permite automatizar a tramitación de facturas presentadas no concello”.
Os outros dous contratos que están adxudicados e que comezarán a executarse nas vindeiras semanas son “os que teñen que ver coa posta en marcha do sistema de vídeoplenos e coa entrega de equipamento, como ordenadores de sobremesa ou portátiles”, engadiu a voceira.

PUBLICIDADE