Integra Park achega o deporte e a realidade virtual ás persoas con párkinson
venres, 7 de xuño do 2024
Os beneficios do exercicio físico están demostrados nos síntomas asociados á segunda doenza neurodexenerativa máis común (logo do alzhéimer), referímonos ao párkinson. As alteracións que esta enfermidade supón a nivel motor dificultan tamén que as persoas que a padecen poidan realizar determinadas prácticas deportivas en condicións de seguridade. Atendendo a isto nace Integra Park, un proxecto creado polo grupo de investigación HealthyFit e a Asociación Párkinson Provincia de Pontevedra (APROPARK) e que conta co financiamento do IV Plan Social Ence Pontevedra. Integra Park avalía as posibilidades que achega a realidade virtual inmersiva á hora de que pacientes.
Este proxecto combina unhas lentes de RV cun cicloergómetro e remoergómetro intelixentes, que permiten practicar ciclismo e remo a alta intensidade nunha contorna que poida resultarlles motivadora. Integrado por investigadores das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia e inserido tamén no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, este grupo de investigación leva a cabo o proxecto xunto coa asociación APROPARK, dando continuidade a unha liña de traballo centrada en estudar o potencial da RV para a prescrición de programas de exercicio físico a diferentes colectivos.
Estamos perante un programa de cinco meses de duración, no que se combinan remo e ciclismo e que abrangue dúas sesións semanais. Coa participación de 12 usuarios e usuarias de APROPARK, trátase ademais de sesións de curta duración, nas que o exercicio debe realizarse a unha determinada intensidade. “Está demostrado que para que teña un efecto nas patoloxías neurodexenerativas, ten que ser un exercicio físico dunha intensidade alta, xa que induce efectos protectores no cerebro, aumentando a neuromelanina e as sinais de transporte de dopamina (DAT) na sustancia negra”, sinala Cancela.
Con esta idea, usuarios e usuarias alternan sesións de remo e ciclismo, que levan a cabo nas contornas virtuais da súa escolla, o que lévaos a “pedalear por San Francisco ou remar polos canais de Venecia”, como apunta Cancela. Dotados dun sensor de cadencia, estes equipos permiten regular a intensidade do exercicio a través do software, “que establece unha distancia e un tempo para facer o exercicio e vailles dando información se van máis lentos ou máis rápidos”. Ao mesmo tempo, permiten combinar a actividade física cunha estimulación cognitiva, a través dunha “serie de toma de decisións durante o pedaleo”, tendo en conta que “o párkinson é unha patoloxía na que os programas de exercicio físico producen maiores efectos cando engaden estratexias cognitivas”.
Para o desenvolvemento deste programa, seleccionouse un grupo de pacientes “nos estadios 2 e 3 da enfermidade”, que implican xa certas “limitacións a nivel motriz”, como apunta o coordinador do grupo HealthyFit, José María Cancela. Con dúas sesións semanais, este grupo de participantes iniciou en marzo un programa que vai aumentando progresivamente a duración das sesións, para, partindo de cinco, tratar de chegar aos 15 minutos de exercicio a elevada intensidade. Co obxectivo de determinar os seus efectos sobre a sintomatoloxía motora e non motora, calidade de vida e capacidade funcional das e dos participantes, este programa vese complementado por unha serie de avaliacións para analizar tamén a súa percepción sobre o que supuxo o traballo con realidade virtual en termos de motivación, experiencia persoal ou usabilidade.