A aplicación do Concello da Coruña xa permite pagar recibos municipais co móbil
luns, 24 de xullo do 2023
A aplicación
móbil App Coruña, dispoñíbel en sistemas Android e iOS,
actualizouse á súa versión 1.16.1, na que, segundo explica o
Concello, inclúense numerosas melloras para as persoas usuarias.
Dende o Consistorio engaden que “con esta aplicación a cidadanía
pode acceder á gran maioría dos servizos municipais desde o seu
móbil ,consultar información en tempo real sobre o tráfico, os
autobuses, BiciCoruña ou a axenda cultural; e tamén é posíbel
consultar datos persoais como impostos, recibos ou préstamos
bibliotecarios”.
Ao
mesmo tempo, é posíbel personalizar a aplicación en función das
preferencias de cada persoa usuaria, que “só necesitará as súas
credenciais de acceso ao perfil municipal para dispoñer de
diferentes servizos”.
As
novidades desta versión, xa dispoñíbel, son a consulta de
información de traxectos de autobuses metropolitanos e interurbanos,
un planificador de desprazamentos pola cidade andando, en bus, en
bicicleta ou en coche; melloras no módulo de presentación de
suxestións e reclamacións, melloras no envío de notificacións
informativas ou alertas de chegada do bus urbano á parada ou
melloras na visualización de información de dispoñibilidade de
bicicletas de BiciCoruña e nova información útil para as persoas
usuarias do servizo. Ademais, outra das novas incorporacións é a
inclusión dun novo método de pago de recibos ou impostos dende a
propia aplicación. As persoas interesadas en empregalo só
precisarán ter unha tarxeta bancaria e autorizar o pago na súa
entidade, se é preciso.
"Con
estas melloras, a cidadanía ten cada vez máis ao alcance da man os
servizos que ofrecemos desde o Concello", indicou Nereida
Canosa, concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas.
A
edil destaca tamén que servizos como BiciCoruña “están
totalmente integrados nesta aplicación e permiten a reserva e o
desbloqueo de bicicletas, así como novas funcións, como un
planificador de rutas”. Por outra banda, tamén hai información en
tempo real do servizo de transporte urbano e moi axiña integrarase
na aplicación o novo sistema de pagamento do billete do bus con
código QR.
O
Goberno de Inés Rey investiu 164.000 euros, co-financiados a través
de fondos europeos FEDER, na creación desta aplicación. "O
noso obxectivo é continuar a mellorar esta ferramenta e que cada vez
chegue a máis coruñeses e coruñesas para poder facilitarlles o seu
día a día", sinalou Canosa.