A campaña Saca o galego que levas dentro chegou a Santiago e Lugo

xoves, 23 de decembro do 2021 S. P.


A campaña Saca o galego que levas dentro, lanzada pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística) este mes de decembro a prol do uso da lingua galega entre toda a sociedade, chega ás cidades de Santiago de Compostela e Lugo. A iniciativa consiste nun itinerario polas catro provincias dunhas estruturas xigantes con espellos nos que os viandantes poden verse reflectidos ao tempo que len unha mensaxe (Din que a beleza está no interior. E ti gardas unha lingua fermosa! Saca o galego que levas dentro) e se inmortalizan coa cámara do teléfono móbil e nas redes.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitou esta semana o “posto” de promoción do galego da praza Roxa. A iniciativa tamén recalou á praza Maior de Lugo e, a partir deste venres 24, terá presenza propia en Ourense e Pontevedra, onde ficará ata o vindeiro día 29. García salientou “a importancia deste tipo de campañas que promoven e incitan ao uso da lingua propia, especialmente entre os máis novos, para os que resulta unha campaña moi atractiva”.
Na estrutura de espellos figura tamén o cancelo #sacaogalegoquelevasdentro acompañado da mensaxe E compárteo con orgullo, que convida a quen o lea a tomar unha foto no espello e compartila en redes sociais, trasladando así a campaña das rúas galegas ao mundo virtual.
A iniciativa foi dada a coñecer a comezos de mes na Coruña e Ferrol, que foron as primeiras paradas do percorrido. Valentín García destacou na Coruña, na presentación da iniciativa, que en Galicia e os galegos e galegas “temos un gran tesouro, a nosa lingua, un símbolo de riqueza cultural, social, histórica e comunicativa, ademais dunha ferramenta de moi notábel utilidade que nos permite comunicarnos incluso fóra da nosa Comunidade”. Amais, engadiu que “sempre son benvidas as accións que nos axudan a sacar o galego que levamos dentro”, e expresou o seu agradecemento aos concellos que colaboran acollendo propostas deste tipo.

PUBLICIDADE