A experiencia virtual Espazo Coruña da Deputación, exemplo de boas prácticas
martes, 13 de xuño do 2023
A
experiencia
virtual Espazo Coruña da Deputación (Europe Direct A Coruña) vai
ser recoñecida como exemplo de boas prácticas na reunión anual de
centros Europe Direct que se celebra en Madrid os días 14 e 15
de xuño e na cal será presentada a dita experiencia virtual. O
encontro está organizado pola Representación da Comisión Europea
en España e nel participan representantes dos 36 centros Europe
Direct da rede española.
Espazo
Europa é unha experiencia interactiva 3D na que os usuarios poden
explorar os símbolos e valores da Unión Europea, así como a
importancia da cultura e a ciencia. Ofrece unha experiencia de xogo,
inmersiva, innovadora e autónoma para o público, que pode visitar
un moderno edificio hiperrealista, inspirado na arquitectura da
Europa do futuro, e pasear virtualmente polas catro salas do espazo.
Cada unha delas está adicada a unha temática: os símbolos, os
valores, a cultura e a ciencia na Unión Europea. Pódese acceder
dende a web da institución provincial, que engade que a contorna
virtual está deseñada “cunha mistura de tecnoloxías innovadoras
3D e 4D”, dando como resultado un escenario creado dixitalmente
para recrear un edificio en tres dimensións e inspirado na Nova
Bauhaus Europea, as directrices da Unión Europea para que os espazos
de vida e sociais se baseen nos valores de sustentabilidade, estética
e inclusión.
Neste
espazo 3D atopamos a unha persoa real, unha guía gravada en catro
dimensións (4D), que dá a benvida ao visitante e presenta cada unha
das salas expositivas. Esta personaxe foi gravada nun escenario
virtual que permite a interacción das persoas con contornas que
foron creadas de maneira dixital e en 3D. “Esta tecnoloxía fai
posíbel recrear a sensación de que a presentadora se atopa
fisicamente en Espazo Europa e que pode moverse dentro del e
interactuar cos seus elementos”, explican fontes da Deputación,
engadindo que Espazo Europa é libremente transitábel para os
visitantes, “que terán autonomía para desprazarse, explorar,
facer zoom ou rotar a posición”. A maiores, é accesíbel desde
todo tipo de dispositivos dixitais.
Os
centros Europe Direct son puntos de contacto local que achegan ao
público as políticas e valores da Unión Europea. A rede ofrece
información sobre asuntos europeos, pero tamén fomenta a
participación cidadá contribuíndo así á creación dunha esfera
pública europea.