A galega Dexga mostra as posibilidades de Signen no evento europeo máis referencial do eido blockchain
martes, 29 de maio do 2018
A
plataforma galega
Signen, tecnoloxía que permite asinar acordos entre dúas ou
máis persoas a través de diferentes xeitos (algúns deles tan
innovadores como os formatos de audio ou de vídeo), está presente
estes días no evento sobre sistemas blockchain máis
referencial de Europa (e un dos máis importantes do mundo), o
BlockShow Europe, que se
celebra até hoxe en Berlín (Alemaña). Como lembraremos, Signen
vén da man do grupo galego Dexga Technologies (conformado por
Tecalis, Signen e Dexga) e, segundo informan fontes da compañía,
trátase da única presenza da nosa terra no acontecemento de Berlín,
unha das principais palestras europeas en materia de deseño e
desenvolvemento de servizos fintech e blockchain e
da aplicación destes servizos en industrias de vangarda de todos os
sectores: IoT
(Internet of Things), Intelixencia Artificial,
ciberseguridade, comercio, finanzas, etc.
Ademais,
segundo informa Dexga, a conferencia dará a benvida a representantes
de bancos centrais e estruturas gobernamentais que compartirán as
súas experiencias e plans para aproveitar as posibilidades que as
tecnoloxías blockchain poden ofrecer. Entre os relatores que
están a participar activamente en BlockShow atópase Jimmy Wales (o
gran impulsor da Wikipedia, e unha das “100 persoas máis
influentes” segundo a revista Time) ou Johanna Maska (ex-xefe do
Departamento de Prensa da Casa Branca para o presidente Barack
Obama).
Dexga,
pola súa banda, está a salientar no evento as vantaxes e
posibilidades de Signen. Por exemplo: é unha plataforma para acordos
doada de empregar (bota man da mesma filosofía accesíbel que
WeTransfer, adoptando a seguinte metodoloxía: modelo open
cun email do emisor, email do/os receptor/es,
documento que se adxunta, elixir método de sinatura-aceptación e
validación final da firma) e destaca tamén pola versatilidade (pode
empregarse para contratos privados entre persoas, pode usarse entre
empresas e tamén inclúe unha API aberta que permite integrar Signen
cos programas de xestión da nosa compañía).
Lembrar
tamén que a plataforma está elaborada con tecnoloxía blockchain,
que garante a máxima seguridade, e é de balde. Pode usarse en
versión web ou en versión aplicación móbil para dispositivos con
iOS ou con Android.