A perda de talento investigador centrou un debate da RAGC enmarcado na G-Night
venres, 29 de setembro do 2023
No
marco das celebracións da Noite Galega das Persoas Investigadoras
2023 (G-Night), a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) promoveu
esta tarde un coloquio-debate baixo o título O meu futuro nunha carreira investigadora? Celebrouse
no CiQUS da USC e reuniu a investigadores mozos e sénior da
Universidade de Santiago, que debateron sobre os retos, atrancos e
oportunidades que presenta a investigación na nosa comunidade.
Participaron
o profesor Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal e
académico da RAGC; Pablo Taboada, director da Escola de Doutoramento
da USC; Alberte Regueira, axudante doutor de Enxeñaría Química;
Andrea Núñez, investigadora de Filosofía; Stefania Barca,
investigadora de Historia Contemporánea; e Javier Dubert,
investigador de Microbioloxía e vogal de InvestiGal – Rede Galega
pola Investigación.
A
encargada de presentar e moderar o debate foi María Loureiro,
catedrática de Fundamentos da Análise Económica da USC e académica
da RAGC, coordinadora desta iniciativa. Segundo salientou a profesora
Loureiro, “resulta moi enriquecedor achegármonos ás experiencias
individuais e persoais de investigadores e investigadoras en
distintos campos do coñecemento e con distintas vías de entrada na
carreira investigadora”.
Pablo
Taboada, director da Escola de Doutoramento da Universidade de
Santiago, indicou que “o nivel da investigación na nosa comunidade
é moi alto, pero os mozos estanse a atopar con moitas dificultades
para realizar a súa formación posdoutoral no estranxeiro,
enriquecerse con outras experiencias e logo reverter os seus
coñecementos de novo en Galicia. As Administracións Públicas non
lles ofrecen o apoio que precisan para dar eses pasos. Temos
investigadores de moitísimo talento traballando noutros puntos de
España, Europa ou nos Estados Unidos que non dispoñen dos
mecanismos nin do financiamento necesarios para regresar, xa que as
universidades presentan importantes restricións contratuais -porque
dependen da Lei de Administración Pública- e os seus orzamentos
dependen do financiamento autonómico”. Manifestou ademais que a
oferta da Xunta de Galicia para realizar estadías posdoutorais no
estranxeiro son moi reducidas fronte ao número de solicitantes, ao
tempo que a convocatoria estatal xa desapareceu, o cal “xera
importantes atrancos para que os mozos poidan seguir formándose unha
vez realizada a súa tese de doutoramento”.
E
engadiu: “En Galicia increméntase a produtividade científica e o
seu impacto no tecido socioeconómico tanto galego como nacional.
Ademais dos sénior, temos mozos e mozas referentes nos seus eidos de
coñecemento, en moitos casos a un nivel por riba da media nacional
como é nos eidos da biomedicina, farmacia e farmacoloxía,
lingüística computacional, Intelixencia Artificial… Pero se desde
o goberno das universidades e das administracións públicas non se
apoia coas medidas oportunas, corremos o risco de perpetuar problemas
endémicos como a perda de talento ou a falta de rexeneración do
persoal investigador”.
O
director da Escola de Doutoramento da USC remarcou que “na
Universidade de Santiago deféndense máis de 300 teses de
doutoramento cada curso, algúns estudantes conseguen contratos
posdoutorais pero a maioría vense abocados a cambiar a súa
traxectoria profesional. Son moitos os rapaces e rapazas cunha
formación e uns coñecementos extraordinarios que queren seguir unha
carreira investigadora, non obstante, non hai o financiamento nin os
instrumentos axeitados que o fagan posible”.
Pola
súa parte, Javier Dubert, investigador de Microbioloxía da
Universidade de Santiago e vogal de InvestiGal – Rede Galega pola
Investigación, sinalou que existe unha visión moi negativa da
carreira investigadora. “Eu xa pasei por todas as etapas e penso
que cómpre afrontala como unha planificación e con positivismo. É
unha carreira de obstáculos, que implica moitos anos de esforzo e
manterse é complicado, pero resulta moi bonita e satisfactoria”.
Tamén indicou que “ao alumnado universitario débeselle informar
de como é a súa carreira desde o principio, para que poida
planificarse de cara a conseguir os seus obxectivos. Porque non saben
o que implica facer unha tese de doutoramento nin cal é a realidade
da carreira investigadora, o que deriva en problemas de ansiedade”.
“En
España, coa crise económica, houbo moitos recortes en investigación
e, como consecuencia, a competitividade é enorme. Os contratos son
curtos e esta inestabilidade laboral supón un estrés engadido ao
traballo diario. Son etapas que hai que pasar pero con esforzo
conséguese. Estou convencido de que se pode facer unha carreira
investigadora e vivir da investigación”, apuntou Dubert.