Abre as súas portas o Futurgal na ESEI de Ourense, até o 5 de decembro
venres, 1 de decembro do 2023
O
Campus
de Ourense acolle estes días, até o 5 de decembro, a celebración
de Futurgal Summit 2023, evento no que participan máis de 50
especialistas co obxectivo de “converterse no motor dun movemento
catalizador da innovación e o emprendemento”. A actividade, que
ten como lema Empredemento como panca de futuro, está
organizada pola Escola Superior de Enxeñaría Informática da
Universidade de Vigo en colaboración co Colexio Profesional de
Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
Na
inauguración, celebrada este xoves 30 de novembro, participou
a conselleira de Emprego, Elena Rivo, onde puxo en valor o
traballo realizado dende a rede galega de polos de emprendemento, que
atenderon a case un milleiro de persoas e contribuír a “xerar
riqueza e fixar poboación”. A rede, dixo, acadou esta semana os 12
centros activos, trala inauguración do do Porriño, e ten asesorado
no conxunto de Galicia a arredor de 900 persoas, unhas 200 delas na
provincia de Ourense. Tamén engadiu que os tres polos en marcha do
Carballiño, O Barco de Valdeorras e Verín (aos que se sumará outro
en Baños de Molgas) teñen atendido arredor de 200 proxectos (o 58%
deles de mulleres). Predominan as iniciativas do sector servizos, da
hostalería, do comercio e as relativas a agricultura, gandería,
silvicultura e pesca; mostra da relevancia da Rede no rural.
Volvendo
a Futurgal, sinalar que se trata dun acontecemento enmarcado na
estratexia Spain Up Nation e está financiado pola Unión
Europea-Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación
e Resiliencia, ademais de apoiada polo Ministerio de Industria e a
Escuela de Organización Industrial (EOI).
Futurgal, sinalan os
seus promotores, reune a especialistas “que son referentes en
transformación dixital, xestión de equipos, mercadotecnia,
innovación e emprendemento, que expoñen a súa visión sobre os
cambios que nos agardan nun futuro próximo”.
No
seu desenvolvemento abordaranse grandes cuestiones para o
emprendemento como o negocio, o investimento e a escalabilidade; a
importancia da retención e a atracción do talento e como lle afecta
o marco regulatorio e o sector público.
Ao longo dos días de
celebración, participarán en Futurgal, entre outros especialistas,
o experto en innovación Enrique Dans; a escritora e divulgadora Elsa
Punset; Bernardo Quintero, fundador de VirusTotal (clave na elección
de Málaga para o centro de ciberseguridade de Google); a deseñadora
Ágata Ruiz de la Prada; Juan Verde, asesor do presidente de EEUU Joe
Biden; o ex-ministro Francisco Caamaño; Pepa Bueno, directora da
Asociación de Creadores de Moda de España; o influencer Pobre
Millenial; os economista María Blanco e José Carlos Díez; a
directora de desenvolvemento de negocio de medios de pago de Abanca,
Constanza Méndez, ou o presidente do Clúster de Turismo de Galicia,
Cesáreo Pardal.
Haberá conferencias pero tamén mesas
redondas centradas en temas como o turismo, a globalización e as
novas tendencias e o empredemento no mundo da moda e en América
Latina. Igualmente desenvolveranse diferentes encontros sobre
instrumentos públicos como impulso para o desenvolvemento
empresarial; o financiamento e aceleración en procesos emprendedores
e experiencias persoais en investimento neste eido. Tamén haberá
espazo para a presentación de proxectos por parte de emprendedores e
emprendedoras a investidores e business angels.
Ao
abeiro de Futurgal convocouse un Concurso de Emprendemento, Ideas e
Innovación, dirixido a alumnado de Educación Secundaria
Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional de centros
educativos en Galicia, no que se convida a presentar proxectos e
ideas innovadoras relacionadas co emprendemento sustentabel.