Activada a aplicación web para controlar o acceso ao illote de Areoso
luns, 3 de xullo do 2023
A
Consellería
de Medio Ambiente e a axencia autonómica AMTEGA veñen
de activar a aplicación web para controlar o acceso ao
illote Areoso,
na ría
de Arousa, coincidindo coa publicación no Diario Oficial de Galicia
da orde
reguladora de usos públicos e actividades permitidas no espazo
natural que conforman o arquipélago dos Guidoiros, do
que forma parte este illote, e a illa da Rúa (en
Ribeira).
Deste
xeito, as persoas interesadas en visitar o devandito espazo protexido
poden facer a súa reserva desde este
luns 3 de xullo
na ligazón areoso.xunta.gal.
O sistema deseñado pola AMTEGA
para canalizar as autorizacións de visita e regular o fluxo de
persoas que acceden ao illote do Areoso contou co apoio e supervisión
da Vicepresidencia Segunda, que informou que “na práctica será
moi similar ao que se utiliza xa desde hai varios anos no Parque
Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e no Monumento Natural das
Catedrais, polo que a súa eficacia e operatividade están
demostradas”.
Fontes da Xunta lembraron que o
departamento autonómico empezou a traballar o ano pasado no
regulamento de usos e actividades permitidas no conxunto que
conforman o Areoso e outra serie de illas próximas co fin de
“garantir o equilibrio entre a protección dos seus valores e
recursos naturais e o aproveitamento público deste espazo, que nos
últimos anos viña rexistrando unha afluencia de visitantes
crecente”.
Para asegurar o cumprimento deste
obxectivo, a nova orde limita a 150 os visitantes diarios permitidos
no illote arousán a través de tres quendas de visitas (do amencer
ás 13,00 horas; das 13,00 horas ata as 17,00 horas; e das 17,00
horas ata o solpor).