Anova presenta páxina web e avoga pola participación cidadá
mércores, 10 de outubro do 2012
A Coalición
Alternativa Galega de Esquerda (Anova), agrupación política que
está a concorrer na campaña preelectoral autonómica, presentou os
días pasados a súa páxina
web, unha aposta tecnolóxica, sinalaron os seus responsábeis, a
prol da “participación cidadá”.
A web, que foi debullada polo miúdo por Antón Sánchez e César
Santiso, cargos públicos na comarca da Coruña, concibiuse
como un espazo específico dedicado á
sociedade galega, co fin de que cada internauta poida interactuar coa
coalición a través de dúas opcións.
Estas dúas canles son: unha ferramenta
para a achega de preguntas e dúbidas en liña (cuxa pronta
contestación garante Anova) e un sistema de votación electrónica
para que a cidadanía poida elixir, entre os bloques temáticos, “as
propostas que considera que deben desenvolverse coa maior rapidez
logo da chegada ao Parlamento Galego”.
César Santiso, concelleiro da Coruña
e responsable nacional de comunicación de EU, indicou que “en
coherencia co noso programa, a nosa web inclúe ferramentas de
participación cidadá e transparencia, como non podía ser doutra
maneira e a diferenza doutras forzas políticas facemos o que
dicimos, así propoñemos que os galegos e galegas poidan
democraticamente revocar as Leis que consideren inxustas antes de
iniciar o seu trámite parlamentar mediante ferramentas de voto
electrónico como sucede noutra democracias máis avanzadas como
Finlandia ou Islandia ou a través de referendo popular”.