Anuncian os gañadores da primeira edición totalmente en liña de Galiciencia

luns, 14 de decembro do 2020 Marcus Fernández, Redacción

Esta 15ª edición de Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade e que busca achegar a ciencia aos máis novos, celebrouse por primeira vez exclusivamente en liña debido ás actual situación sanitaria. Esta circunstancia favoreceu a participación de máis de 4.000 estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato de toda España. E tamén se incrementou o número de equipos participantes na feira a través da presentación de proxectos innovadores, que superaron o centenar de propostas.
O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) promove desde o ano 2006 Galiciencia, que conta co apoio da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain). A súa finalidade é estimular a creatividade e o talento para innovar dos máis novos, permitíndolles achegarse á ciencia a través do xogo e a creación e contribuíndo a espertar neles as vocacións científicas.
Os proxectos presentados ao concurso responderon ao lema desta edición da feira, A innovación do futuro. Equipos de Secundaria, Bacharelato e FP competían polo premio final do certame e fóra de competición tamén participaron estudantes de Primaria e Educación Especial. De Secundaria seleccionáronse un total de 60 proxectos.

O primeiro premi

O primeiro premio recaeu no proxecto Space Oxigen Generator Biosystem de Clara Longa e Lucía Maceiras, do CPR Las Acacias-Montecastelo de Vigo. As rapazas explican que «na actualidade as misións espaciais tripuladas de longa duración son inviables pola necesidade de grandes cantidades de alimento e osíxeno necesarias para a vida nunha nave espacial. Para solucionar este grave problema, a nosa solución baséase en crear un ecosistema que permita xerar osíxeno e eliminar o CO2 empregando unha microalga, a spirulina, que debe estar en continuo movemento para que non morra, polo que a mobilizamos cun sistema innovador creado por nós baseado na utilización de ultrasons. Como resultado, con 1 kg de spirulina logramos secuestrar 2 kg de CO2 e xeramos 2 kg de osíxeno». Este primeiro premio, dotado con 1.000 euros, permitiralles financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona.

O segundo premio

O segundo equipo clasificado foi o formado por Celia Amodia e Andrea Delgado, do IES Menéndez Pidal-Zalaeta da Coruña. Elaboraron uns planos e mapas táctiles para facilitar a vida diaria das persoas con visibilidade reducida. Para iso botan man da impresión 3D. «O plástico será mais resistente e duradeiro que o papel para tocar. Cada plano poderá estar personalizado» – sinalan. E explican que crearon mapas táctiles de rúas, de espazos culturais da cidade (algúns teatros) e colexios para mellorar a súa accesibilidade. Este segundo premio supón un apoio económico de 500 € para participar na Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao.

Terceiro premio

O terceiro premio foi para o proxecto da Boltumbona de Irene Armesto e Candela César, do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Trátase dunha hamaca capaz de converterse en bolsa e na que se pode levar todo o necesario para ir á praia, cargando así con menos vultos. «Para que sexa lixeira, fixemos a estrutura de barras ocas de aluminio, e ademais é segura, resistente, impermeable e fácil de montar» – aseguran-. O equipo recibe 200 euros para participar no programa de actividades organizadas polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.

Premio de temática a innovación do futuro

O premio especial de temática a innovación do futuro, lema desta edición de Galiciencia, foi para o proxecto Biomakers na escola, de Alicia Balado e Jacobo Núñez, do IES David Buján de Cambre (A Coruña). Propoñen construír instrumental de elevado custo do laboratorio de biotecnoloxía a un prezo inferior para poder ser utilizado en laboratorios escolares.

Proxecto relacionado coa situación provocada pola COVID-19

O premio para o mellor proxecto relacionado coa situación provocada pola COVID-19 foi para En tempos de coronavirus, de Gema Montero e Julia Cruz do CPI Poeta Uxío Novoneyra de Seoane do Courel (Lugo). »Trátase de explicar as medidas máis axeitadas para evitar contaxios, realizando unha enquisa para avaliar diferentes aspectos sociais relacionados coa pandemia e desmentir algúns díxomes que están en circulación» – indican.<`/p>

Proxecto para a mellor comunicación: converter os xenes en linguaxe musical

O premio para a mellor comunicación recaeu no proxecto Musicando xenes de Marcos Grobas, do IES Manuel Murguía de Arteixo (A Coruña). Neste proxecto establécese un sistema de descodificación do ADN a outra linguaxe distinta da biolóxica, a linguaxe musical, usando a secuencia de nucleótidos dun xene para crear unha peza musical. «Trátase de establecer un código que permita pasar do código xenético á linguaxe musical, é dicir, obter unha musical musicando xenes concretos» – explica.

Mellor valoración popular: reducir o contaxio por COVID nas cafeterías escolares

A mellor valoración popular foi para o proxecto Teiki, unha aplicación de pedidos para cafetería desenvolta por Andrea Solís e Laura Cancela, do IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín (Pontevedra). A finalidade é axilizar os procesos que implica solicitar e recoller pedidos e evitar o pago en metálico para reducir o risco de contaxio por COVID-19.

PUBLICIDADE