Arranca a VI edición de Redondela en Curto

xoves, 14 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

A sexta edición do Festival Nacional de Curtametraxes Redondela en Curto, vén de abrir o prazo de entrega das pezas que se presenten ao concurso, que terá lugar no vindeiro mes de abril.
A duración mínima das curtas, que deberán presentarse antes do vindeiro día 8 de marzo, deberá ser de 4 minutos (240 segundos) e a organización unicamente aceptará os xéneros de ficción, quedando excluídas as obras de carácter institucional, turístico ou publicitario.
As curtametraxes poderán ser rodadas en calquera sistema de vídeo ou cine porén para a participación no festival deberá presentarse unicamente en DVD e só unha única peza por persoa.
No tocante á lingua das obras, estas deberán entregarse en versión orixinal e aquelas que non estean en castelán ou galego, deberán estar subtituladas.
De entre todas as obras recibidas, un xurado será o encargado de seleccionar os traballos que pasen a concurso e os gañadores do mesmo deberán estar presentes na entrega de premios.
As persoas interesadas en enviar as súas curtametraxes a este concurso deberán remitir os envíos á atención de Eduardo Reguera ao Concello de Redondela, Rúa Alfonso XII nº2, Redondela, Pontevedra. CP.: 36800.

PUBLICIDADE