Arredor de 1.100 estudantes participan xa no certame galego de modelado en 3D co teléfono móbil
mércores, 20 de febreiro do 2013
A competición de alcance estatal D3Mobile
Metrology League, posta en marcha dende a nosa terra para
impulsar o coñecemento e as habilidades en modelado 3D de precisión
a través do teléfono móbil,
foi quen de acubillar a máis de 1.100 escolares de 120 centros de
toda a xeografía española. Como lembraremos, o concurso foi
promovido e organizado polo grupo de investigación USCAN3D, da
Universidade de Santiago (Escola Politécnica Superior de Lugo), e
marcou un antes e un despois na explotación das posibilidades do
móbil entre a mocidade, por ser o primeiro destas características,
case con toda probabilidade, que se puxo en marcha a nivel mundial.
Os datos achegados polos organizadores do campionato
nacional constatan a inscrición dun total de 350 equipos
pertencentes a 120 centros escolares de practicamente todas as
comunidades autónomas do Estado: Andalucía (45 equipos), Aragón
(17), Illes Balears (4), Canarias (24), Cantabria (17), Castilla y
León (43), Castilla La Mancha (2), Catalunya (5), Comunitat
Valenciana (26), Estremadura (3), Galicia (83), Madrid (31), Murcia
(22), Nafarroa (22) e Euskadi (4). Todo isto significa, entre outras
cousas, que os alumnos participantes xa están dando os seus
primeiros pasos en modelado en 3D de precisión, empregando cadanseu
aparello e co apoio do material didáctico, o software e os
protocolos de investigación que lles forneceu o devandito grupo do
Campus de Lugo.
A idea, amais de convidalos a usar os seus móbiles
para algo que ben lles pode valer para as súas vindeiras carreiras
profesionais, é facer o posíbel por espertar e impulsar as
vocacións científicas e investigadoras dos rapaces. Segundo conta
Juan Ortiz, director do proxecto, “o concurso pretende fomentar
o interese por esta profesión entre o alumnado de 4º da ESO
e de Bacharelato, xa que moitos deles serán os responsables de que a
investigación acade a relevancia que merece na sociedade do futuro”.
Os equipos que fagan mellor as súas respectivas
medicións, os que reciban máis votos do público e incluso algúns
dos votantes dos modelados 3D poderán gañar algunha das tablets
establecidas como premios neste campionato. A competición D3Mobile
Metrology League pódese seguir a través da web www.d3mobile.es,
así como en Facebook, Twitter ou na canle YouTube. Juan Ortiz, en
calidade de voceiro dos organizadores do proxecto, agradeceu
publicamente o apoio recibido de todos os centros de ensino,
profesores e dos estudantes inscritos no torneo, xa que “sen o
seu esforzo e entusiasmo non tería sido posible acadar este elevado
nivel de aceptación”.