As persoas con dificultades de comunicación xa contan cunha app de raizame galega
mércores, 11 de novembro do 2015
A
importancia de comunicarse para transmitir o noso estado, algún
desexo ou necesidade de axuda é algo no que ninguén repara pois
case todas as persoas son quen de levalo a cabo. O xeito máis común
de comunicarnos é a comunicación verbal, que se pode manifestar de
dúas maneiras: oral (mediante signos orais e palabras faladas) ou
escrita (mediante a representación gráfica de signos). O caso que
nos ocupa é pensar naqueloutras persoas que non son quen de acadar
esta comunicación verbal, como se comunican elas? Pois na
actualidade, para as persoas sen comunicación verbal (que non poden
falar, ler ou escribir) a comunicación con sistemas de mensaxería
instantánea como o Whatsapp ou o Telegram non é posíbel. Precisan
dun sistema
de comunicación que permita o emprego de pictogramas no lugar de
texto e nisto é no que se basea a aplicación
para dispositivos Android PictoTalk,
desevolvida por Accegal.
Trátase
dun proxecto de colaboración entre
profesorado de centros públicos e o Grupo de Tecnoloxías da
Información (GTI) da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación para
a elaboración de solucións de accesibilidade baseadas en
dispositivos móbiles.
O enxeñeiro Sergio Álvarez traballou
durante un ano no deseño desta aplicación até convertela no seu
proxecto fin de carreira da man do profesor Enrique Costa e a mestra
e pedagoga Fátima García. Dende o mes de xullo, que comezou a estar
dispoñíbel na páxina de Accegal e en Google Play, a app
ten xa máis de 600 usuarios. Trátase dunha aplicación de
mensaxería instantánea para usuarios sen lectoescritura aos que
lles permite a comunicación a través de pictogramas que representan
esquematicamente un símbolo, obxecto real ou figura. PictoTalk é un
sistema de mensaxería que, empregando Internet, permite a
comunicación a distancia. A aplicación é altamente configurábel e
permite a cada usuario contar cunha selección de pictos adaptada ás
súas necesidades, que se poden descargar e aos que se poden unir
fotografías de obxectos reais que axuden á comunicación. A app
está dispoñíbel en español, inglés, alemán, francés e
italiano.
- Sergio Álvarez, Enrique Costa e Fátima García
Segundo Fátima García, as persoas con dificultades de comunicación, como por exemplo algúns nenos dentro do espectro autista, que non poden expresarse de forma verbal, teñen unha alternativa nos pictogramas. Pola súa banda Sergio Álvarez engade que o seu obxectivo era achegar este enxeño o máis posíbel a algo coñecido como o Whatsapp, pero adaptado a usuarios de taboleiros de comunicación. De feito, os investigadores fan fincapé nas diferenzas entre ambos sistemas xa que mentres un emprega emoticonas o outro usa pictogramas. Fátima García puntualiza que “malia que semellan ter a mesma función, as emoticonas representan fundamentalmente emocións mentres os pictogramas teñen unha función máis comunicativa moito máis complexa". Como exemplo, a docente pon o concepto de “contento” que se pode representar cunha emoticona fronte a conceptos como “ter” ou “estar” que só se poderían transmitirse cun pictograma. Así, os usuarios poden construír frases como “non quero ir ao colexio mañá”, que con emoticonas sería imposíbel de facer. Para apoiar esta función comunicativa, a app permite tamén comunicarse escribindo e ofrece a posibilidade de reproducir en voz as mensaxes recibidas, tanto pictográficas como textuais.