Até 2.275 alumnos poderán participar no novo programa DixitalWeek

luns, 4 de xullo do 2022 S. P.

A Consellería de Cultura e Educación vén de abrir o prazo para que os centros educativos sostidos con fondo públicos soliciten participar no novo programa formativo inmersivo DixitalWeek. Trátase dunha iniciativa para posibilitar que un total de 2.275 alumnas e alumnos de 6º de Primaria e ESO melloren as súas competencias en comunicación lingüística en inglés e dixitais.
A actividade desenvolverase durante o primeiro trimestre do curso escolar 2022/23 no Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo, A Coruña) en quendas dunha semana de duración en réxime de internado.
Esta acción enmárcase tanto na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030, EDUlingüe, como na Estratexia Galega de Educación Dixital 2030. O seu obxectivo é a práctica do idioma e o seu uso en contextos comunicativos diversificados e enfocados cara á mellora da comunicación oral a través de actividades dixitais, co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa. “Búscase así mellorar a competencia a través de accións tecnolóxicas e outras complementarias que promovan a actividade física e a socialización”, sinalan dende Educación.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 9 de setembro e deberá realizarse a través da aplicación informática correspondente. O departamento educativo da Xunta de Galicia destina ao desenvolvemento deste programa, que será gratuíto para as familias, un orzamento de 819.000€.


PUBLICIDADE