Dezasete mozos formáronse en Lugo en animación 2D e 3D
luns, 19 de decembro do 2022
A
alcaldesa de Lugo, Lara
Méndez, acompañada da edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana
Abelleira, fixo entrega dos diplomas aos dezasete mozos e mozas que
completaron o Curso de Animación 2D e 3D, que se desenvolveu no
marco dun convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación
INCYDE, co-financiado pola UE a través do Fondo Social Europeo.
Méndez deu os parabéns aos participantes e animounos a seguir
formándose “nun dos sectores con maior potencial de crecemento e
innovación da industria dos contidos dixitais en España, ligado ao
desenvolvemento de videoxogos; un eido profesional que demanda perfís
con formación especializada”.
Seguindo
este fío, a rexedora explicou que “a través deste programa
buscamos facilitar os coñecementos necesarios aos mozos e mozas, de
xeito que reúnan as mellores condicións para optar a un posto de
traballo neste campo profesional”.
A
acción formativa desenvolveuse dende o pasado 24 de outubro, durante
sete semanas, en formato semipresencial con titorías individuais
tamén nese dobre formato. Os beneficiarios e beneficiarias do
programa foron mozos e mozas menores de 30 anos, desempregados e
rexistrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
O
contido do programa abrangueu as principais disciplinas vencelladas
co sector para introducíronse os participantes no mundo do videoxogo
e a animación. Trátase dun sector en expansión na industria do
entretemento e en moitas outras áreas (publicidade,
infoarquitectura, audiovisuais, educación, investigación
científica…), explicaron dende o Concello de Lugo.