Dispoñíbel para descarga a biografía de mulleres galegas sobranceiras impulsada polo CCG
luns, 18 de decembro do 2023
O
Álbum
de Mulleres, a enciclopedia online de galegas sobranceiras
impulsada polo Consello da Cultura Galega, están na cerna dunha nova
publicación lanzada polo CCG. Trátase da obra Corenta
mulleres tecendo xuntas, que nos achega á vida e ás
contribucións de mulleres como Constanza de Castro, a filla rebelde
do mariscal Pardo de Cela; a modista e emprendedora Rosalía Mera; a
cantante María Valverde, ou a futbolista Irene González Basanta.
Así até un total de 40 biografías.
A
presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; a
deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e mais
Carme Adán, coordinadora do libro xunto con Montse Fajardo,
presentaron este luns 18 de decembro a iniciativa. A obra, editada
grazas a un convenio entre o CCG e a Deputación da Coruña, xa
está dispoñíbel para a súa descarga.
“Decidimos
escolmar corenta mulleres, unha por cada ano do Consello da Cultura
Galega. É unha celebración para pechar este ano lembrando que a
cultura galega sempre tivo mulleres, aínda que moitas veces temos
que rabuñar para atopalas e ver as súas pegadas”, explicou Carme
Adán durante a presentación.
Pola
súa banda, a deputada Soledad Agra destacou que “neste libro hai
un compendio de igualdade e lingua, dúas áreas fundamentais para
seguir sacando da invisibilidade todas as referencias femininas que
temos en Galicia e que non estiveron nos libros de texto da nosa
literatura e da nosa historia”.
Montse
Fajardo indicou que “optamos por aqueles nomes, de distintas épocas
e temáticas, que puidesen ser máis descoñecidos ou, tamén, que
ficasen inxustamente ligados á parcial etiqueta de esposas ou
ex-esposas de”.
A
obra inclúe corenta figuras, como Olga Gallego, que recompilou as
vivencias das ourensás do Antigo Réxime; María Reguera,
afeccionada á paleografía e firme defensora das mulleres no ensino,
ou Teresa Vaamonde, que ingresou no corpo arquivístico durante a II
República e, logo, durante a ditadura, viuse obrigada a renunciar ás
súas ideas para non ter que abandonar o seu traballo. Réndese tamén
homenaxe a figuras pouco coñecidas como Nicolasa Añón, campesiña
analfabeta que chegou a ver recollidos os seus versos nun libro;
Clara Corral Aller, poeta que publicou en galego no século XIX, ou
Emilia Calé, que nese mesmo século foi xornalista.
Así
mesmo, no libro recóllense as biografías de pioneiras nas artes
plásticas, como Dolores Rodeiro, tallista de imaxes relixiosas en
madeira e primeira muller que obtivo unha bolsa da Deputación da
Coruña en 1881. Hai tamén deportistas, como a futbolista Irene
González Basanta, precursora na práctica do fútbol non só en
Galicia, senón no mundo durante os anos vinte. Outra pioneira que se
recolle nesta publicación foi Constanza de Castro, que en pleno
século XV, cando nin América existía aínda para Europa, logrou
exercer un importante dereito para as mulleres: a disolución do seu
primeiro matrimonio.
Todas
as biografías que se inclúen nesta publicación forman parte do
Álbum de Mulleres, que hoxe está incorporado no Álbum de
Galicia, e reprodúcense íntegras no libro impreso, que inclúe
tamén un código QR co fin de facilitar o acceso ao repositorio web
para consultar documentos, ligazóns, vídeos e outros materiais.