Ednon e Fortinet, distinguidas co Premio 16 Aniversario do CPEIG
martes, 18 de xuño do 2024
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio 16 Aniversario CPEIG da XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia de 2024 ás empresas tecnolóxicas Ednon e Fortinet polo “seu constante apoio e colaboración como patrocinadores desde practicamente o nacemento da Noite, garantindo así a súa celebración durante estes dezaseis anos”.
Ednon é unha empresa experta en servizos de tecnoloxías e sistemas de información, formada por persoas con coñecementos avanzados en tecnoloxías de sistemas, comunicacións, ciberseguridade e analítica do dato, con sedes en Santiago, Vigo, Madrid e Sevilla. Celebra este ano o seu vixésimo aniversario como empresa cos mellores resultados de facturación e rendibilidade cifrados en 2023.
A compañía Ednon está organizada en catro liñas de negocio para prestar servizos a medianas e grandes contas no territorio estatal. Manteñen alianzas coas principais tecnoloxías e fabricantes de cada área de negocio que contan cun director de Desenvolvemento de Negocio e o seu director de Operacións con estruturas independentes, pero traballando en sinerxía co resto de áreas.
A área de Infraestrutura de Ednon é a de maior facturación, con importantes despregaduras en proxectos de comunicacións e sistemas en grandes contas da administración pública, banca e sector privado. Por outra parte, a área de analítica de datos é a de maior rendibilidade, sendo referente estatal nos sectores da xustiza, emprego e sanidade. E a área de ciberseguridade é a de maior crecemento este ano, coas máis altas certificacións estatais e europeas e formando parte da rede SOCs nivel Oro, CSIRT.es e Trusted Introducer como grupo acreditado.
Pola súa banda, Fortinet, é líder global en ciberseguridade que impulsa a converxencia de redes e seguridade, recibe tamén este recoñecemento. Ao longo destes 16 anos de colaboración co CPEIG, Fortinet participou activamente nas diversas actividades promovidas polo Colexio, como as reunións de enxeñeiros en informática que organiza de forma regular a entidade colexial nas que se comparten coñecementos e tendencias no ámbito tecnolóxico. O director xeral de Ednon, Javier Atán, e o director de vendas de Fortinet España, Jesús Varela, recollerán o galardón na XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago.