Entregados no Parlamento os Premios Publicidade en Galego, edición 2021

luns, 22 de marzo do 2021 Redacción

O Parlamento de Galicia acolleu este 22 de marzo a entrega dos Premios Publicidade en Galego 2021, uns recoñecementos dirixidos a distinguir as máis relevantes contribucións á actividade publicitaria na nosa terra e, máis polo miúdo, a creatividade dos anuncios en calquera formato achegados na nosa lingua. Na cita participou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.
Durante a entrega, na que tamén interviñeron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez, o titular de Cultura avanzou que a Xunta de Galicia está traballando para que o galego poida estar presente en todos os ámbitos da publicidade, para o cal estase analizando a situación en Internet.
Os Premios de Publicidade en Galego 2021 recoñeceron na edición deste ano as campañas e accións publicitarias feitas por Ecovigo para Hidrotec-Tecnología del agua, por Neozink para o Grupo Cuevas, por 100x100 Creatividade+Comunicación para o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e por &Rosás para Martín Codax. Na modalidade de centro educativo as galardoadas foron unha alumna e unha profesora do instituto IES Leixa de Ferrol, mentres os laboratorios Zeltia recibiron a mención de honra.
Os galardóns veñen cada ano da man da Consellería de Cultura e Educación (Secretaría de Política Lingüística), o Parlamento Galego e o Foro Enrique Peinador. Incluíronse nesta convocatoria cinco categorías: radio, televisión, Internet, prensa escrita e centros de formación. O prazo de inscrición rematou o 30 de decembro.
Na pasada edición, resultaron premiados os proxectos Benvidos novos Larseiros!, da empresa Larsa e a axencia BAP Conde; Martín Códax, Fillo do Atlántico, da empresa Martín Códax e a axencia &Rosás (con dous galardóns, na categoría de televisión e de prensa); Queixos Hoxe, da Cooperativa HOXE e a axencia Pío García Audiovisuais, S.L., e Stop_Bullyng, do IES Leixa de Ferrol (A Coruña).

PUBLICIDADE