Esta semana ponse en marcha Dioivo, novo medio dixital galego

martes, 28 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Caricatura dos integrantes do grupo promotor de Dioivo, feita por Gonzalo Vilas

Seguimos coas boas novas arredor da información dixital en galego. Xa temos ao alcance da man unha nova canle comunicativa na nosa lingua, apostando tamén (todo sinala cara a este punto) por un punto de vista crítico, polo chamamento á participación dos internautas e pola busca en definitiva dun xeito de traballar que sexa diametralmente oposto ao empregado, como piloto automático, polos medios xerais do noso país. Estamos a falar de Dioivo, canle dixital que xa avanzamos hai unhas semanas en Código Cero e que se pon en marcha oficialmente este mércores 29 de febreiro.
Detrás deste proxecto, como se dixo, atópase un grupo de xornalistas galegos unidos baixo a arela común de seguir mantendo acesa, e viva, a información na nosa lingua, desta volta no plano dixital, que é, en definitiva, onde moitos sitúan o crecemento da comunicación vindeira e o seu eido futuro de actividade natural. A páxina web vén con gañas de facer ruído: “Nace Dioivo para contar e para contrariar”. Este é precisamente o lema do equipo responsábel da nova canle, nove promotoras/es unidas/os baixo unha asociación cultural que dá sustento ao proxecto: "Trátase dunha unión temporal de xornalistas para crear con voluntarismo e esforzo propio un espazo, unha revista dixital, que dea un punto de vista diferente da realidade que vivimos", cóntalle a Praza Pública Marga Tojo, presidenta da Asociación Cultural Dioivo. A web, que se apoia en licenzas abertas Creative Commons e máis nas achegas dos diferentes integrantes da asociación (cada vez máis grande), foi desenvolvida polos seus propios impulsores, co axuda de Pancho Lapeña.
Por certo que o lanzamento da páxina preparado para este mércores coincidirá coa súa estrea en papel. De feito, a Asociación Cultural Dioivo publicará un primeiro número no que amosará o xurdimento e evolución do proxecto. Esta achega especial en papel, que terá un número limitado de exemplares, conta coa colaboración de ilustradores como Gonzalo Vilas, Suso Sanmartín e Roi Fernández.

PUBLICIDADE