Frogspace pecha o congreso sobre transferencia de tecnoloxía do espazo que tivo lugar en Vigo

venres, 28 de xuño do 2013 Redacción

Tras unha mañá dedicada a obradoiros prácticos, entre os que resaltou a presentación da spin-off viguesa Frogspace, clausurouse o congreso sobre transferencia de tecnoloxía do espazo ás empresas que durante dous días reuniu na sede do Consorcio a máis de trescentas persoas entre universitarios, viveiristas, investigadores, empresas e representantes políticos.
Tal e como se puxo de manifesto na súa presentación esta foi a primeira acción para conseguir que Vigo sexa a sede dun viveiro que forme parte da rede de incubadoras pertencente á Axencia Europea do Espazo. A iniciativa da Fundación INCYDE e do Consorcio da Zona Franca de Vigo conta xa con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e a participación de dúas grandes empresas PSA Peugeot-Citroën e Casa Espazo. Co nome de SBAI (Spain Business Aerospace Incubator) Vigo compite dende onte con outras cidades españolas en ser a sede da primeira incubadora dirixida a este tipo de empresas que se instale no sur de Europa.
A importancia que ten para Vigo e para Galicia conseguir esta sede visualizouse esta mañá cando o experto en transferencia de tecnoloxía Javier González Sabater explicou con gráficos o potencial económico que teñen as aplicacións de alta tecnoloxía e expuxo o estudo realizado pola consultora McKinsey sobre as doce tecnoloxías disruptivas que van alterar toda sorte de negocios e transformar a sociedade e a economía de cara a 2025. Estas tecnoloxías cuxa definición se basea no concepto de destrución creativa reestruturarán as cadeas de valor dos sectores económicos e darán lugar á aparición de novos produtos e servizos. Por iso Teresa Pedrosa dixo que "nestes tempos complicados que nos tocou vivir, todos, especialmente todas as institucións, estamos obrigados a reinventarnos, a buscar iniciativas e solucións que melloren a competitividade do noso tecido produtivo e con iso creen riqueza e emprego". O obxectivo central da SBAI é prever ese impacto en Galicia e saber anticiparse a el preparando á nosa sociedade e á nosa economía para afrontar o reto e sacar partido del.
O profesor Fernando Aguado, quen expuxo as actividades aeroespaciais da Universidade e Vigo e os proxectos que ten en marcha, presentou aos estudantes que formaron a spin-off Frogspace. Como eles mesmos explicaron, a empresa naceu do proxecto do Xatcobeo, o satélite vigués que esta mesma semana vai cumprir os 500 días no espazo e se dedica a deseño mecánico, simulación, fabricación e probas de satélites pequenos, compoñentes e subsistemas.
O primeiro obradoiro da mañá Juan Planes falou aos estudantes e viveiristas sobre “As claves do éxito no emprendedurismo: cuestión de persoa ou cuestión de proxecto. E sobre como e porqué vencer os medos ao fracaso". O relatorio arrancou cos exemplos de como grandes xenios como Einstein tiveron que superar grandes fracasos na súa xuventude.

PUBLICIDADE